Carlos Coira Nieto (Rábade, 1969). Licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, funda a editorial Tris-Tram no ano 1994 e en 1997 abre en Lugo a libraría Trama, sendo esta a súa actividade principal.
No ano 2000 funda a compañía Matapiollos Teatro con Jorge Yáñez e Marta Rivas, e con eles comeza a súa andaina no mundo do teatro para nenos. Con Marta e Jorge percorre Galicia nos anos 2008 e 2009 coas obras Flis-fli-ris-flás e A Rebelión do Monicreque, ambas escritas por Araceli Gonda, en dúas campañas de animación á lectura promovidas por Editorial Galaxia.
Tamén adica parte do seu tempo ao mundo do ilusionismo dende que era un rapaz (aínda conserva películas en super-8 nas que xa está facendo maxia con 7 anos).
No ano 2010 escribe Abrapalabra xunto co poeta Antón Cortizas e o ilustrador Jacobo Fernández, un libro que xunta a poesía e a maxia para os máis pequenos e que o está levando a percorrer cen concellos de Galicia para poder compartilo, a través dun espectáculo de maxia, con milleiros de nenas e nenos de todos os recunchos.
Antón Cortizas Amado(Ferrol, 1954) é profesor. En 1986 gañou o premio Curuxa de Humor co relato A medio muller. Desde aquela, a súa dedicación á literatura infantil e xuvenil deparoulle moitos recoñecementos, como o premio Barco de Vapor por Memorias dun río (1988), O conto dos sete medos (1991) e Os gritos das illas Lobeiras (Premio Barco de Vapor 1995), o premio Xeración Nós de textos teatrais por O coleccionista de sombras (1990) e O incrible invento de Solfis a pianista (1994), así como Xogando con gatos (Premio Manuel María de literatura dramática infantil, 2014, e Premio da I gala do libro galego, 2016, modalidade teatro).
Outros títulos publicados por Cortizas son Xiganano, ¿onde estás? (1990), O lapis de Rosalía (1992), A bruxa sen curuxa (1993), O merlo de ferro (1995), A merla de trapo (Premio Merlín 2001) e ¡Cázame ese pensamento! (2001).
En Editorial Galaxia publicou Contos de vento e de nunca acabar (1999), Historias e algún percance todos ditos en romance (2004) (accésit do Premio Lazarillo), Abrapalabra! (2010), Tenrura (2017) e Non trabes na lingua (2019).
Foto do autor: ©Kiko Delgado.