Rosalía Fernández Rial, finalista no festival aRi[t]mar co poema “A reflexión”

Categoría: Nova

O poema A reflexión, de Rosalía Fernández Rial, pertencente ao poemario Árbores no deserto, é finalista no prestixioso festival de poesía aRi[t]mar Galiza e Portugal.
Publicado na colección Dombate de Editorial Galaxia, este libro é un grito contra o esquecemento de mulleres que sentaron as bases do pensamento feminista actual. Mulleres fortes e valentes que alzaron e alzan a súa voz contra o machismo e que, hoxe, son referentes. Mulleres coma Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet e Malala, están presentes neste orixinal libro.
As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade.
Rosalía emprega a poesía como unha arma ateigada de poder, rompendo todos os esquemas, na procura dun mundo mellor.
aRi[t]mar Galiza e Portugal é unha iniciativa da Escola Oficial de Idiomas que ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editada en Galiza e Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous e a países, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email