O pleno da Real Academia Galega reelixe a Víctor F. Freixanes presidente

Categoría: Nova
O pleno da Real Academia Galega reelixiu esta mañá a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría. O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova. “A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou Víctor F. Freixanes ante o pleno.
Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino. A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. O presidente agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.
Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola  perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións. Insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento.

Comparte nas túas redes sociais ou por email