A OEPLI (Organización Española para la Promoción del Libro Infantil y Juvenil) destacou catro títulos da Editorial Galaxia na Lista de Honra 2020.
Cada dous anos, a OEPLI organiza esta lista en que son seleccionados os 200 mellores libros de literatura infantil e xuvenil en todas as linguas de España. Trátase dun gran mérito que catro dos nosos títulos formen parte de tan prestixiosa escolla.
Na categoría de 0 a 6 anos, podemos atopar O veleiro verde, de María Fumaça.
Neste último traballo, a familia María Fumaça inicia unha nova viaxe nun veleiro verde coas bodegas ateigadas de amizade, cariño e cancións para compartir de xeito inclusivo. O noso capitán Ruí vai medrando, e con el a nosa ollada do mundo e da música: integradora, variada e intercultural.
A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, Premio Gala do Libro ao Mellor Libro de Divulgación Científica 2020, de Juan Casto Rivadulla, ilustrado por Nuria Díaz, está seleccionado na categoría a partir de 6 anos.
A partir de 9 anos, Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro, coas fantásticas ilustracións de Bea Gregores.
Pola nosa boca poden saír balas pero tamén bicos. Poden saír versos e beixos. Podemos reclamar, a berroversos, a paz.
Velaquí unha antoloxía de poemas sobre a paz de Antonio García Teijeiro, un dos poetas galegos que máis e mellor entenderon que non hai camiño para a paz, senón que a paz (e a poesía) é o camiño.
Na sección xuvenil, destaca O home que mercou un libro, de Paco Martín. Este é, sobre todo, un libro sobre os libros, sobre o esforzo que hai detrás de todos e cada un dos libros. Un libro para que lean os que devecen por ler como respirar.
Estamos moi felices de que os nosos libros conten con este recoñecemento formando parte desta lista tan prestixiosa.