Neste 2020 cúmprense 40 anos de Ilustrísima, unha das obras máis senlleiras do escritor, crítico literario e antigo director da Editorial Galaxia, Carlos Casares.
Publicada por Galaxia en 1980, Ilustrísima é un canto á bondade e á humanidade da xente e un alegato en contra do dogmatismo e da violencia. Situada nos primeiros anos do século XX, nunha pequena cidade galega que ben podería ser o Ourense natal de Casares, relata os conflitos entre un bispo intelixente e bo e algúns dos membros máis intransixentes da curia diocesana, enfrontados entre si por culpa da chegada do cinematógrafo.
Casares rendeu unha homenaxe ao cinematógrafo con esta novela, escrita con agarimo, con tenrura e con sinxeleza, polo simple pracer de contar unha historia. Unha obra que prende e turra do lector.
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense en 1941 e morreu en Vigo en 2002. Foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento. En 2017, foi homenaxeado no Día das Letras Galegas.