A obra Contra o reloxo, de Carlos Labraña, ilustrada por Fon Barreiro, resultou gañadora nos Premios Frei Martín Sarmiento, na 2ª categoría (3º/4º Primaria).
Este é un dos galardóns máis prestixiosos do noso sistema literario pois son o alumnado e profesorado os encargados de decidir cales dos libros publicados nos dous últimos anos son, segundo o seu punto de vista, os mellores.
Carlos Labraña publicou, na colección Árbore de Editorial Galaxia, este fantástico texto teatral onde todo é posible. A través das páxinas deste fermoso libro soñaremos, na reloxaría de Don Pedro, un universo de mundos posibles.
Contra o reloxo supón tamén unha historia de amor incondicional pai-filla. Narrada dun xeito divertidísimo, nesta historia ninguén é quen parece ser. Recomendado a partir dos 12 anos, a través da súa lectura, as lectoras e lectores poderán viaxar atrás no tempo cos nosos protagonistas. Cando a agulla chegue aos últimos minutos do día, nada será coma antes…
Carlos Labraña é un dramaturgo especializado en teatro para nenas e nenos. Neste eido acadou os premios Xeración Nós, Estornela, Manuel María e O Facho, con pezas que se len e representan de maneira habitual nos colexios, como Indo para o Samaín, Estrelamar ou O Apalpador. A partir de 2010 a súa escrita vira a temáticas mais comprometidas socialmente. Desta época podemos salientar: A pequena compaña, onde desde o humor se denuncian os abusos cometidos á infancia; O valo, que trata o drama dos refuxiados; Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada, comedia ácida sobre a crise económica (Premio de Teatro na Gala do Libro 2017); e Estrelecer, peza de misterio con reivindicación feminista (lecturas dramatizadas da SGAE). A derradeira obra publicada na Editorial Galaxia é Estrela…fugaz?, merecente do XVI Premio O Facho de Teatro Infantil 2015, ilustrada por Fon Barreiro.
No ano 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos, onde desenvolve tamén as súas facetas como actor e director.