Arancha Nogueira gaña o festival aRi[t]mar co poema “Mamá fala en linguaxes”

Categoría: Nova

Nogueira gañou na categoría Mellor poesía do ano 2022 en Galicia pola súa poesía Mamá fala en linguaxespublicada no poemario Antese, Premio Victoriano Taibo 2021. 

MAMÁ fala en linguaxes

de documentos predeterminados.

Pero eu sei que ten as mans na terra

e as unllas podres polos peixes.

A min cáenme as unllas a cachiños

porque agora non hai xeito de arranxalas

e mamá prepara unha solución plástica

para quitar as cores que non son

as cores que preparei

o día antes de todo

(para ti)

e que nunca viches e chorei

e ocultei de mamá as bágoas como ela os ollos tristes.

Podemos vernos agochadas

pero debemos ser discretas como o medo.

Non colle un só descoido.

Este poemario céntrase en dúas mulleres, nai e filla, e nun lugar: o xardín. O crecemento é o que teñen en común a poeta que escribe e as plantas. Tamén comparten unha pexa: o vencello con quen as cultiva —a nai— como ligadura. A partir de situacións cotiás, cunha poética baseada na linguaxe coloquial e nos símbolos dos medios dixitais, na música e na evocación de imaxes, Arancha Nogueira fai presente a circunstancia principal da vida: o acceso á liberdade.

O paralelismo entre a idea de natureza como xardín e a poesía como cultivo da linguaxe; a metáfora, aquí renovada, do abrollar como un rebentar emancipatorio, a arte como medio de liberación son algúns dos temas que outorgan a este poemario a levidade e a fondura dunha flor. A poeta medra entre as catástrofes diarias de igual xeito que o xardín aproveita o clima imprevisible para, en cada estación, adoptar unha forma, unha variación da súa natureza, un matiz, unha cor, un recendo diferente. No lugar había un ermo, Antese é un poemario sobre como cultivar un xardín.

Arancha Nogueira (Ourense, 1989) é autora dos poemarios Andar descalza (Premio Francisco Añón 2013), O único lugar onde ficar inmóbil (2018), #hashtags para un espazo/confinamento agónico (2019)e dente de leite (Premio Johán Carballeira 2019).

Comparte nas túas redes sociais ou por email