“Pensamos que cumpría facer unha política cultural de concienciación do que debería ser Galicia e a súa cultura, a lingua e o seu futuro”
Con este pensamento na cabeza, Francisco del Riego e Xaime Illa Couto, puxéronse mans a obra para dar continuidade a actividade do Seminario de Estudos Galegos e a Editorial Nós, que o golpe de estado do 36 e a posterior ditadura fascista coutaran de raíz a sangue e lume, e crear un espazo para que o galeguismo se atopase de novo tras case quince anos de cruento asoballamento e persecución.
E o 25 de xullo de 1950, nos baixos do Hotel Compostela en Santiago, tivo lugar a asemblea fundacional da Editorial Galaxia, como unha entidade mercantil cos seus estatutos en galego por Xaime Illa, toda unha declaración de principios. Naquel acto nomeouse como presidente da editora a Don Ramón Otero Pedrayo, o derradeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, pechándose así un círculo que se abrira en 1923 coa súa fundación. A vicepresidencia exercería Gómez Román; a secretaría, Fernández del Riego; e Illa Couto, sería o conselleiro- delegado. Proponse tamén a Ramón Piñeiro como asesor literario, e ao pintor Carlos Maside como asesor artístico.
Botaba a andar así o proxecto de recuperación cultural e política do noso país e da nosa lingua. Coa súa teimosía, esforzo, e optimismo, Paco del Riego e Illa Couto, conseguiron case cincocentas subscricións, o que alentou que a Editorial Galaxia en abril de 1951 tirase do prelo 2.800 exemplares da Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e 1.200 do primeiro número dos Cadernos Grial.
E foi o propio don Paco de Riego quen percorreu as librarías cun atado deses libros baixo o brazo para ofrecerllos aos libreiros. Ao comezo só uns poucos os aceptaron, mais decontado o galego volveu estra presente nos andeis de moitas librarías do pais, e incluso tamén en Madrid, Barcelona, Bilbao e Bos Aires.
Logo de máis de 70 anos, a Editorial Galaxia, con máis de 4000 títulos editados e un catálogo vivo de preto 2000, constitúe hoxe a referencia histórica da edición en lingua galega. No seu catálogo figuran os autores e autoras máis significativos: Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Alfonso R. Castelao, Vicente Risco, Ánxel Fole, Florentino, Eduardo Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro…
Camiño dos 75 anos, seguimos traballando, todos os días, baixo a estela de Don Paco, seguindo o seu exemplo e mandado.
Feliz Día das Letras Galegas para todos, todas e todes.