O venres 19 de maio, celebrarase, ás 18:30 h, no Vello Cárcere de Lugo, unha conversa que leva por título Ulises entre nós. Un encontro que pon o foco na tradución galega do Ulises, de James Joyce, publicada por Editorial Galaxia.
Na mesma, participarán Augusto Paramio, director da Oficina Europa Creativa do Ministerio de Cultura, Blanca Novoneyra, escritora e bailarina, e os escritores e tradutores Xavier Queipo, Antón Vialle e Isaac Xubín. Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, será o encargado de moderar o encontro.
Este acto atópase inserido na “Ulysses European Odissey”, programación europea bienal que conmemora o centenario do Ulises de James Joyce, obra capital da literatura europea, e que se celebra en 18 cidades europeas diferentes, aterra en Lugo entre os días 19 a 21 de maio.
Leopoldo Bloom pasea no libro polas rúas de Dublin o 16 de xuño de 1904 e para nun pub ao mediodía a tomar un petisco de pan e queixo gorgonzola, acompañado por un viño de Borgoña.
A comida, o viño, o paseo e a literatura serán tamén os protagonistas da celebracion “Ulises en Lugo”, que contará cun programa descentralizado por toda a cidade con 20 actos diferentes nos que participarán preto de 40 diferentes axentes culturais e gastronómicos entre escritoras, poetas, tradutores, bailarinas, músicos, cociñeiros, académicas ou labregos, entre outros perfís de referencia nos diferentes eidos que abrangue este programa cultural internacional.
Nestas xornadas analizarase a historia da tradución do Ulysses ao galego; a literatura gastronómica; a estreita relación entre Galicia e Irlanda; as súas semellanzas culturais, artísticas e mesmo históricas; e a influencia do libro de Joyce, cume do modernismo literario do século pasado, na literatura galega actual.
Así mesmo, o festival organizará un simposio no que se analizará o vizoso sector gastrocultural de Lugo e Galicia, dende a produción, ata a distribución e o desfrute da nosa gastrocultura, referente europea. Cociñeiros, produtores, académicos e labregos serán os encargados de explicar, en primeira persoa, as súas achegas a un factor cultural de primeira magnitude, como é a alimentación.
O vindeiro venres 16 de xuño, Editorial Galaxia celebrará, en colaboración co MARCO de Vigo, o Bloomsday, unha data que rende homenaxe á figura de Leopold Bloom, ou ‘Poldy’, personaxe principal da novela de Ulises, de James Joyce; caracterizado como antiheroe, do libro. O autor, exterioriza os pensamentos de Bloom a través da técnica do monólogo interior, estando Ulises focalizada neste personaxe e na súa “Odisea” contemporánea.
Durante a efeméride, festexaremos o legado de Joyce, contando con lecturas da obra en directo.