Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?

Categoría: Nova

Atopárasme medio morto. Ou completamente morto. Nunca o souben. Do que si estou seguro é de que a peor consecuencia daquel disparo foi a túa conquista. Tamén confirmei que son un covarde. Teño o recordo de verte alí, ao meu carón, pisando o meu sangue. Recoñecera os teus zapatos. Tamén a amplitude do vestido que máis me gustaba. Dilatado e transparente. Cando subías no ascensor de cristal, sempre me entretiña na caixa do correo para poder verte dende abaixo.
Así comeza “O meu sangue”, a nova novela de Diego Giráldez, publicada na colección Literaria de Editorial Galaxia.
Escrita cun marcado estilo persoal, “O meu sangue” mergullará ás lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.
Unha lectura imprescindible que amosa o gran talento de Giráldez. Hoxe, ás 20 h, celebrarase a primeira presentación do libro, diante da capela de San Benito, no Porriño.
O autor estará acompañado pola xornalista María Díaz, e Alfonso Pato, director de Cans.
Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?
Diego Giráldez (O Porriño, 1976). Exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra e Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade, faino co diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e escribiu libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.
En 2016 publicou o libro de relatos curtos “Galería de saldos”, o seu primeiro traballo de narrativa, polo que foi elixido “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019 publicou en Editorial Galaxia a novela “Hotel para coleccionistas discretos” e participou nas obras colectivas “O libro dos trens” e “A secreta melancolía da garza” (Galaxia, 2019).
Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago de relato curto (2010), o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (2015) e o Premio Literario Manuel Murguía (2016). En 2020 quedou finalista do XVII Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego.
Autoría da fotografía do autor:
Mateo H. Soto

Comparte nas túas redes sociais ou por email