María Canosa, autora de H2… Oh!!! Pingas científicas, ilustrado por Luz Beloso, recollía esta tarde o prestixioso Premio Follas Novas na categoría de Divulgación.

Estes galardóns entréganse como parte dun evento cultural de carácter anual que ten por finalidade distiguir as mellores obra e iniciativas literarias de cada ano (sempre a ano vencido). Os convocadores son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

H2… Oh!!! é un libro singular, a toda cor, no que as vistosas ilustracións de Luz Beloso contribúen a explicar todas e cada unha das temáticas científicas das que se ocupa a autora. Ángel Carracedo, un dos científicos máis importantes do noso país, foi o encargado de facer o limiar onde sinala: “Logo de ler este libro, non teño dúbida ningunha de que me gustaría ter a María no meu equipo de investigación, pero parece que a ela lle gusta máis escribir, e alégrame que tamén difundir”.

María Canosa achega, nesta obra, unha morea de curiosidades científicas relacionadas co noso día a día. A través dun estilo claro e directo, a cativada poderá comprender todas as cousas simples que temos ao noso carón, pero que teñen un funcionamento moi complexo.

Este libro divulgativo pon en valor a disciplina científica e achégaa aos máis novos, nun exercicio de creatividade e proximidade. Unha proposta que axuda a entender o mundo que nos rodea e poñerlle nome ás circunstancias que o forman. Cuestións como o brillo das estrelas, o melanimo nas “panteiras negras” ou por que saen as canas no pelo, son algunhas das preguntas que responde Canosa neste libro.

Cunha escrita intelixente, a escritora amosa unha visión moi orixinal sobre o eido científico. Megullándonos nestas páxinas, fermosamente ilustradas por Luz Beloso, todas e todos poderemos aprender cantidade de cousas novas, converténdonos nun chisco máis libres.

Os premios Follas Novas do Libro Galego están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil galega. Moi nova comezou a escribir e recibir premios e distincións literarias. Desde entón non deixa de soñar historias, o que deu como froito os preto de corenta títulos que ten nas librerías.

Na Editorial Galaxia, publicou libros como Matías, un pito e campionato, Faíscas, Vagalume de versos, O neno inverno e Candorcas e unicornios.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR