Máis de corenta correspondentes, entre eles, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro e Carlos Velo, fan destas Cartas de vellos amigos un documento excepcional como testumuño dunha parte importante da historia cultural de Galicia durante a segunda metade do século XX. A introdución e edición do texto correu a cargo da profesora Dolores Vilavedra.
Tanto pola variedade e importancia dos seus correspondentes como por permitiren percorrer unha parte fundamental da historia da Galicia durante a segunda metade do século XX, a correspondencia recibida por Xosé Neira Vilas tamén personifica a pegada que deixa unha Galicia dispersa aquén e alén mar, unha cultura que a comunicación epistolar contribuía a vertebrar. As cartas testemuñan a vontade de manter vivos os vencellos que unían a Neira Vilas co mundo cultural da Galicia do interior e co da diáspora.
A comunidade cultural galega, concretada metonimicamente nunha rede de amigos que o epistolario tece carta a carta, axuda a converter a distancia nun pulo construtivo para o autor de Memorias dun neno labrego.