Árbores x 3

Categoría: Nova

Se onte dabamos conta das nosas novidades en Costa Oeste, falamos hoxe de tres títulos que estes días están a chegar ás librerías de todo o país dentro da colección Árbore, a destinada para o lectorado autónomo, ese que hai que coidar con textos sedutores para que o día de mañá sexan lectores e lectoras competentes e formados.
Paula Carballeira, actriz e escritora recoñecida e máis que coñecida polo público infantil galego, preséntanos 'As outras historias' un libro que fala desas historias que non se ven, das que están agochadas e que nin sequera se sabe que existen. Historias de había unha vez e de princesas e de pantasmas e de todo o que a súa fecunda imaxinación teña decidido. O libro vai destinado a lectores de oito anos en diante e vai ilustrado polo pincel sabio de Xosé Cobas.
Para rapazas e rapaces un chisco máis grandiños, en Árbore Verde, a partir de 12 anos, publicamos, por unha banda, a un clásico contemporáneo como é Paul Jennings con 'Que desfeita!', un libro grande que contén historias moi curtas, moi divertidas e que servirán para que aprendamos a ver cousas moi cotiás doutra maneira. Historias de malos disparatados nos que abonda o humor e a tenrura. As ilustracións son dese novo valor, xa máis que consolidado, Marta Álvarez.
E finalmente e na mesma colección, asistimos ao debut literario da xornalista Paula Señarís coa trepidante ´Águeda e o misterio dos calcetíns' e que ilustrou Orballo. O libro céntrase na personaxe de Águeda, unha rapaza ben particular que está a piques de comezar unha aventura inesperada cando se ve obrigada a deixar a comodidade da vida na cidade para marchar cara un mundo máis "rural" que, en principio, semella que non lle apetece moito coñecer…
Tres propostas para ir camiñando, de vagar, por este inverno frío e quencernos con estas páxinas de abrigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email