Alfonso Álvarez Cáccamo

Categoría: Recensión

Este libro de Xavier, non podo dicir que novo porque xa fora publicado na súa primeira versión no ano 1991, e que daquela xa dera moito que falar e recibira louvanzas e importantes galardóns, encantoume pero non me sorprendeu porque estou afeito a disfrutar da lectura das súas obras, da súa maxistralidade á hora de somerxer ao lector/lectora nos seus mundos, que son moitos, tanto de mar como de terra, e da súa capacidade para raptarnos ao interior da súa particular ficción na que salientarei a súa habelencia artística, de escritor de peso, para crear e describir situacións e sentimentos como só saben facer un grupo escolleito de creadores.

Xavier Queipo é Licenciado en Medicina e en Bioloxía, e forma parte do grupo de notable escritores con formación científica, que non é antagónica senón complementaria da formación poética, constructora da beleza, como poden ser Xulio Verne ou Xavier Alcalá.

Aprendín moito con este libro de Xavier Queipo, e aprendín gozando, como debe ser, tamén con señardade cando descubre que existe unha flor cuxos pétalos curan o mal de Hodkin, o que arrincou desta vida á miña irmá en plena xuventude. Supoño que tamén aprendín a escribir mellor, iso dirao o tempo. Aportoume moitos nomes novos e excitou a miña curiosidade que felizmente, nalgunhas ocasións, só puiden resolver utilizando esta magnífica arma de información que é Internet.

Gustaríame contarvos relato por relato as miñas sensacións, aprendizaxes, praceres, desacougos, sorrisos, melanconías ou reflexións que me produciron os que integran este extraordinario libro, e falar polo miúdo do seu Epílogo, pero como son os meus sentimentos e as miñas prendas ben adquiridas, intransferibles, deíxovos a vós o pracer de que vos mergulledes por conta propria nas súas páxinas. Só direi que a escolla do mellor relato é imposibel porque todos son os mellores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email