Ramón Loureiro

Categoría: Recensión

Miguel Sande é, por riba de todo, poeta. E a condición de poeta -de verdadeiro poeta- non só se fai patente ao escribir versos, senón en toda acción que implica mirar o mundo non desde fóra, senón desde dentro. Agora publica Sande "A vida fóra", magnífica novela. E o primeiro que a un lle chama a atención deste libro é a capacidade do seu autor para que a vida camiñe entre as súas páxinas e para que a ficción habite esa forma superior da realidade que é a verdade poética. Conmove especialmente a tenrura chea de sinceridade e o amor exento de toda clase de impostura cos que o novelista aborda o tema da vellez, ademáis de todo o que a vellez trae consigo.

Este é un libro, insistamos niso, feito da carne do destino, que mira cara a cara a fin dos días. Unha obra que, como toda verdadeira literatura, enfronta ao lector co misterio que envolve a nosa existencia. Ese misterio que a novela non pretende iluminar: abóndalle, como Faulkner dicía, con acender unha luz a campo aberto no medio da noite para lembrarnos que a escuridade é infinita.

Comparte nas túas redes sociais ou por email