O escritor norteamericano, Paul Auster, finou onte, en Nova York, á idade de 77 anos, a causa dun cancro de pulmón.
Deixa tras de si unha fonda pegada na literatura contemporánea. O seu pasamento marca o fin da época na que Auster, coa súa narrativa única e a súa capacidade para capturar a esencia da vida, redefiniu moitos aspectos da literatura moderna.
A súa maneira de escribir destacaba polo seu estilo de escritura tradicional, usando pluma estilográfica e máquina de escribir, rexeitando as modernidades tecnolóxicas para manter un enfoque máis artesá e propio no seu traballo. Unha decisión premeditada que se convertiu nun símbolo da súa dedicación e visión cara cada palabra que escribía.
O seu legado derrotou fronteiras e converteuse en referente en todo o mundo, especialmente en Europa, onde a súa obra atopou gran acubillo. A súa pluma deixou un rastro de referencia para todas as xeracións que viñeron detrás, inspirando a escritores e artistas de todas as idades.
Foi un dos máis prestixiosos escritores norteamericanos actuais. Autor de novelas, ensaios, poesía, guións e películas de cine, a súa obra é lida a nivel mundial. Entre as súas novelas máis coñecidas pódense citar a Triloxía de Nova York (1985-86), Moon Palace (1989), Leviathan (1992), Mr Vertigo (1994), The Book of Ilusions (2002), Brooklyn Follies (2006), Viaxes no scriptorium (2007), o guión da película A vida interior de Martin Frost (2007), Un home na escuridade (2008), Invisible (2009), Sunset Park (2010), e Diario de inverno (2012), estes sete últimos títulos publicados en galego por Galaxia, que desde 2006 edita a obra de Auster en Galicia. En 2006 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Grazas Paul, polo teu legado, as túas letras seguirán iluminando os camiños literarios da escrita.