Adeus a Marcos Valcárcel

Categoría: Nova

Esta ponte tinguiuse de tristura co pasamento do historiador e intelectual galeguista Marcos Valcárcel. Despois dunha longa enfermidade deixábanos o pasado domingo. Centos de amigos sumáronse aos actos de homenaxe que serviron de despedida a un home que fixo de Galicia bandeira, e da defensa da súa lingua e cultura, motivo de estudo e existencia.
Marcos Valcárcel era un home importante por moitos motivos. Polo seu rigor intelectual e, sobre todo, pola seriedade e forza da súa argumentación á hora de defender as posicións nas que cría. De fonda formación, foi mestre de moitos. Colaborou intensamente coa revista Grial e con moitas das iniciativas da nosa editorial. Fundamentalmente, xa que logo, nós perdemos un amigo, unha persoa de corazón grande e de enorme xenerosidade que puxo paixón en todo o que tocou, xa fosen libros, conferencias ou o seu blogue, As uvas na Solaina, un dos pioneiros da blogosfera galega.
Agora, Marcos é para sempre memoria de Nós.
A dereita deste texto poderás descargarte o seu traballo para o libro-catálogo da exposición GALICIA 25 que el escribiu pasando revista á crónica cultural dun cuarto de século en Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email