A OEPLI recoñece cinco títulos de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Un total de cinco títulos de Editorial Galaxia foron seleccionados este ano no Catálogo de Literatura Infanil y Juvenil de España. Selección OEPLI 2022, unha escolma elaborada pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil xunto ás súas seccións territoriais, o Consejo General del Libro, ClijCat, Galtzagorri y Gálix, e en colaboración co Ministerio de Cultura y Deporte.

Nesta prestixiosa selección destácanse libros como As filloas de Manola, Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, de R. J. Peralta e Blanca Millán, unha lectura que pon en valor o sentido da axuda desinteresada nas relacións interpersoais e da xenerosidade.

Lagarta, lagarta, de Elvira Ribeiro Tobío, ilustrado por Sofía Venzel, un álbum ilustrado que pode lerse do dereito e do revés. Un libro ateigado de luz e poder imaxinativo que defende a necesidade de mirar máis aló e fai valer a voz e a liberdade feminina.

En lecturas para a partir de nove anos, destácase o libro de Xoán Babarro, ilustrado por Lidia Nokonoko, Carliños, capitán!publicada na colección Árbore, unha obra para a cativada, e o cativo que todas e todos levamos dentro. Na mesma categoría foi escollida a obra de Raquel CastroPlaneta Bugallo, ilustrada por Blanca Millán. Dous extrarrestres chegan á terra. Falan en galego porque o galego e a lingua de todo o Universo. Procuran falantes de galego en Galicia… e cústalles atopalos. Unha obra divertida a nivel cósmico.

Publicado na colección Costa Oeste, enfocada a público xuvenil, destaca a obra de Marcos CalveiroCurros & Holmes no misterio d’o Kapital. Calveiro introduce ás lectoras e lectores ao derradeiro terzo do século XIX, no momento en que Karl Marx escribe, na biblioteca do British Museum, a segunda parte da súa obra máis destacada, O Kapital, cando lle rouban parte do manuscrito.
A través de grandes aventuras, ateigadas de emoción e misterio, Sherlock Holmes e o poeta Curros Enríquez, empregarán todas as súas habilidades para resolver este misterio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email