Fina Casalderrey recibirá a Letra E

Categoría: Nova

A escritora Fina Casalderrey recibirá a homenaxe da asociación de escritores e escritoras galegas (AELG) este sábado 10 de xuño, na contorna de Ponte da Palabra. Instalarase un monolito de pedra cunha frase gravada por un canteiro,  tamén escollida pola propia autora de Xeve na que se amosará o seu amor pola cidade e polo río Lérez.

Esta  iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental.

A celebración da AELG vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación da árbore simbólica elixida pola propia autora e a colocación dun monólito conmemorativo.

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas(1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina(1992, premio Merlín), Chamizo(1994), ¡Asústate, Merche!(1995), O misterio dos fillos de Lúa(1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres(1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996, incluído na Lista White Ravens 1998), ¿Sobrevives?(1996), ¡Puag, que noxo!(1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata(2000), A máscara de palma(2000), O neno can, escrito conxuntamente con Francisco Castro (2014, Lista do centro Ibby de Documentación para nenos con dificultades especiaisi; Premio Frei Martín Sarmiento 2014; Lista de Honor da revista CLIJ 2014).

En 2020, publicou Lingua guapa.Cantos que contan, musicado por Néstor Blanco, ilustrado por Lucía Cobo.

A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Traducida a máis dunha ducia de idiomas, ten desenvolvido tamén un destacado labor no eido do fomento da lectura e a renovación pedagóxica do Ensino, amais de promover o teatro escolar e a investigación etnográfica no ámbito educativo.

Nominada ao Premio Astrid Lindgren e incluída nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books, recibiu tamén a Medalla Castelao (2003).

En 2013 foi nomeada académica de número da RAG e recoñecida pola Asociación Galega de Editores como Autora do Ano 2012, así como por Gálix como Socia de Honra; distincións que espellan a excelencia do conxunto da súa obra.

En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email