A revista GRIAL entre as dez primeiras publicacións hispanas nas universidades USA

Categoría: Nova

Na pasada edición do Liber, que se celebrou en Barcelona no mes de outubro, presentouse un informe sobre a presenza das revistas de cultura de ámbito hispano (en castelán, éuscaro, catalán e galego) nas universidades norteamericanas. O informe, promovido por ARCE (Asociación de Revistas Culturales de España), foi realizado polo profesor Adán Griego, "curator for Latin American, Mexican American and Iberian Colletions" Stanford University Libraries, e contempla a penetración das publicacións hispanas nos últimos anos nas bibliotecas universitarias. "Unha cuestión aínda pendente", segundo os promotores do mesmo, "e que cómpre estimular".

A revista GRIAL (Revista Galega de Cultura) aparece entre as dez primeiras cabeceiras que máis presenza lograron nos dous últimos anos. En 2006, GRIAL estaba presente en 42 bibliotecas norteamericanas (37 en USA e o resto en universidades asociadas). No ano 2008 a presenza aumentou: 46 bibliotecas (40 en USA).

Á par de GRIAL aparecen ese ano cabeceiras do prestixio de Revista de Occidente (231 bibliotecas), Nuestro Tiempo (30 bibliotecas), Guraguao (26 bibliotecas), Revista de Libros (25 bibliotecas), Quorum (21 bibliotecas), El Viejo Topo (18 bibliotecas), Letra Internacional (15 biliotecas), Archipiélago (12 bibliotecas), Revista Hispanocubana (12 bibliotecas) e as catalanas L'Avenç (16 bibliotecas) e Debats (9 bibliotecas).

Confírmase o esforzo que GRIAL vén facendo nos últimos anos para a proxección da cultura galega no exterior, moi especialmente nos departamentos universitarios especializados en Hispanismo e Lusofonía nas universidades americanas. "O que non está no mundo non existe", declaran os responsables da revista, dende Editorial Galaxia. "O gran desafío dos próximos séculos consiste en situar a cultura galega nos espazos da globalización".

Comparte nas túas redes sociais ou por email