ESTÚRDIGA MATERIA, LIBRO GALEGO DO ANO 2008

Categoría: Nova

Este galardón ten unha importancia singular na medida en que son os propios lectores, a través das súas votacións na rede, os que outorgan o premio. O libro de Tosar, así, foi o máis votado e deste xeito confirma o éxito que, a nivel de crítica especializada e de lectores, está a colleitar a súa nova entrega poética.

Preguntado por esta web, Luís González Tosar manifestou que cando recibiu a nova sentiu "unha sorpresa enorme, pois nin sabía da existencia deste premio". Contounos que lle parecía "unha maneira moi interesante de promocionar a literatura galega", para engadir que "esta iniciativa debería de ser imitada por outros xornais", ao tempo que gabou a experiencia desenvolvida polo xornal lugués que se preocupa, así, polos libros editados na nosa lingua.

Preguntámoslle sobre a súa valoración arredor do feito de que sexan os propios internautas quen lle concederon a distinción. O poeta responde: "É un feito moi positivo para min, pois o mundo da rede é un universo que eu non frecuento máis que esporadicamente. Síntome moi agradecido de que todas esas persoas se preocupasen por un libro meu. É algo moi reconfortante e que me anima a seguir traballando. Eu son dunha xeración que non utiliza moito a rede pero, está claro, terei que animarme a facelo".

Desde a Editorial Galaxia sentímonos honrados de ter editado un libro como Estúrdiga materia e sumámonos aos parabéns que está a recibir Luís González Tosar. Beizóns grandes para o poeta.

Comparte nas túas redes sociais ou por email