Francisco Fernández del Riego cumpriu onte 96 activos anos. Don Paco, nado en Lourenzá no ano 1913, é memoria presente do galeguismo histórico e toda unha referencia intelectual para xeracións enteiras de galegos e galegas, así como peza esencial para entender a fundación da Editorial Galaxia, na que participou aquel 25 de xullo de 1950, no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, na Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Presididos por Ramón Otero Pedrayo organizábase arredor da editorial o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936). Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galega, nos tempos difíciles da ditadura.
Na actualidade, don Paco está á fronte da Fundación Penzol desde donde segue a traballar polo noso país, todos os días sen excepción. Alí, na súa sede, na Casa Galega da Cultura de Vigo, atópanse a Biblioteca e o Museo Fernández del Riego, ferramenta cotián para centos de investigadores desde hai décadas. Falamos dunha biblioteca de enorme valor pola calidade do material alí depositado e que non existiría, como tantas cousas, sen o apoio, a entrega e o traballo inesgotable de Francisco Fernández del Riego.
Don Paco, como agarimosamente é coñecido por todo o mundo cultural galego, madruga, escribe, traballa e sigue a regalarnos, co seu maxisterio, verbas de ilusión e entusiasmo.
Que cheguen desde aquí milleiros de apertas e beizóns para don Paco!