Arredor de 40.000 exemplares do periódico repartiranse gratuitamente nas feiras do libro, nas librerías e entre os lectores, colaboradores e amigos de Editorial GALAXIA. Trátase de difundir as noticias das novidades editoriais que se ofrecen ao público na primavera e verán deste ano 2007: dende New York, New York, de Inma López Silva, que abre a portada, as producións arredor do Día das Letras, as coleccións de Teatro ou as últimas entregas da revista GRIAL.
O lector ten nas súas mans un escaparate da última produción da editorial, así como noticias relacionadas con autores e novas iniciativas, entre elas a creación de MERLIN COMUNICACIÓN, empresa que, no entorno de Galaxia, nace coa idea de especializarse en novos desenvolvementoe e novas linguaxes.
Entre outros traballos e colaboracións, o periódico Novidades GALAXIA inclúe unha ampla reseña de dous informes sobre hábitos de lectura en España (e en Galicia): o que corresponde á Federación de Gremios de Editores de España e outro do Centro de Investigación e Documentación Educativa, que revela que case catro de cada dez adolescentes le libros no seu tempo de lecer máis dunha vez á semana, e non por razóns de prescripción escolar.
Entre os mozos de 14 a 24 anos é onde se dan os máis altos índices de lectura (o 72,1 % da poboación). Fálase de lectura en calquera lingua, non exclusivamente en galego. Os informes abordan o hábito lector no seu conxunto. Mais coinciden todos no mesmo: é nas idades da adolescencia e na mocidade onde hai que traballar para unha maior implantación destes hábitos, tanto por parte dos educadores como por parte dos pais, editores, animadores culturais, etc…
Todos os estudos chegan á mesma conclusión: na maioría dos mozos e mozas aumenta a frecuencia de lectura coa idade. O 44 % di que le agora máis que hai dous anos.
Os interesados en recibir gratuitamente a domicilio o periódico de Novidades GALAXIA poden solicitalo a través do correo desta Web.