Hai unha Galicia que vive fóra das nosas fronteiras e que tamén existe. ¿Que dereitos políticos podemos e queremos concederlles? O debate ten raiceiras históricas, dende a Restauración ata os nosos días. Tampouco somos o único país do mundo que vive esta circunstancia. O xornalista Anxo Lugilde (Lugo, 1970), un dos analistas políticos máis lúcidos da prensa galega dos nosos días, correspondente en Galicia do xornal La Vanguardia, cronista político de El Progreso e Diario de Pontevedra, e autor de libros como Argentina, el drama de la quinta provincia gallega, ou Fraga después de Fraga, aborda un asunto que periodicamente volve ao primeiro plano da noticia.
Case cincocentos mil galegos residentes fóra de Galicia, moi principalmente en América, teñen dereito a voto. Nalgúns casos mesmo estes votantes condicionan moi seriamente a composición das corporacións locais, ou a representación política en institucións como o Parlamento de Galicia, o Parlamento Español e o Parlamento Europeo. Non todo o mundo concorda co tratamento que na actualidade está a recibir esta cuestión.
Manuel Sola (El País), Ramón Villares (prologuista do libro) e Víctor F. Freixanes (xornalista e editor) participaron nunha tertulia-coloquio sobre o tema nos locais da Fundación Torrente Ballester en Santiago de Compostela, na que tamén interviñeron representantes dos tres partidos políticos galegos.
Anxo Lugilde fai no seu libro unha exposición documentada do voto emigrante, preocupación que non vén de agora, mais que empeza a manifestarse no século XIX, cando as colectividades galegas e españolas se senten fortes sobre todo da outra beira do Atlántico e a democracia representativa lles recoñece nacionalidade e dereito a voto. As Irmandades da Fala, nos primeiros anos do século XX, reclamaban o voto para os galegos de América, e nas Cortes Constituintes da Segunda República houbo deputados con especial representación daquelas comunidades, tal foi o caso de Alonso Ríos ou Suárez Picallo.
Hoxe as preguntas son outras. ¿Que valor ten ese dereito en persoas que apenas coñecen a realidade social, económica e política nas que exercen o voto? ¿Como articular ese recoñecemento de nacionalidade e identidade política sen alterar a xustiza do sufraxio? ¿Que prácticas se están a utilizar para manipular esa representación, constitucionalmente recoñecida? Países como México, Alemaña, Francia, Canadá, Australia, Polonia, Italia, etc., abordaron esta cuestión con solucións diversas. Lugilde subtitula o seu traballo dun xeito abondo significativo: "Viaxe pola zona escura da democracia española".
Sen ralear información e datos, con axilidade e excelente claridade expositiva, o autor pescuda na historia e no presente, denuncia manipulacións e fraudes, tamén algunhas inxustizas e non poucas hipocresías.
Ramón Villares califica no prólogo de "burato negro" a actual situación do chamado "voto emigrante". Mais conclúe: "Precisamos superar o tratamento paternalista que se leva feito da cuestión da emigración e transformar ese inmenso capital humano do exterior nunha ferramenta ao servizo dunha Galicia que, como soñaron os nosos devanceiros galeguistas, siga aspirando a ser "célula de universalidade".