"Cartas á nai", de Otero Pedrayo

Categoría: Nova

Son exactamente 1.355 cartas, ás que cómpre engadir nalgúns casos as respostas da propia dona Eladia (arredor de 300), preparadas, ordenadas, transcritas e cuidadosamente anotadas polas investigadoras Patricia Arias Chachero e Mónica Pazos Martínez. No número 169 da revista GRIAL ofreceuse un adianto das once primeiras.

Escritas en castelán constitúen, de feito, unha crónica interesantísima do acontecer dunha vida e, ao mesmo tempo, espello dun tempo e dunha xeración, tamén dun xeito de vivir Galicia.

Otero Pedrayo inicia esta correspondencia en 1905, cando sae de Trasalba con 17 anos para examinarse en Compostela do que entón se chamaba Curso de Ampliación, especie de ingreso nos estudos de Dereito e Filosofía e Letras, que cursará en Madrid. Viaxa á capital de España, desenvolve unha importante actividade cultural e política, coñece París acompañado da súa esposa Fita, viaxa a Buenos Aires, vive a paixón do galeguismo, a morte do seu grande amigo Castelao, sofre as calamidades da ditadura… Son cartas moi persoais, non políticas, nin con vocación intelectual, moi distintas das que o mesmo autor mantivo con outros interlocutores, mais respira en todas elas a vida, a letra pequena dos acontecementos, as preocupacións domésticas, personaxes e tipos humanos que converten o texto nunca auténtica delicia, unha novela coral, documento impagable, tanto para coñecer a vida e o contexto do autor como para coñecer a realidade do seu tempo.

Patricia Arias Chachero e Mónica Pazos Martínez traballaron durante anos na recolleita e organización desta documentación, depositada inicialmente nos fondos da Fundación Otero Pedrayo, na casa grande de Cimadevila (Trasalba) e na actualidade na Fundación Penzol (Vigo). Especialmente valiosa é a achega de información complementaria (nas notas a pé de páxina) para coñecer situacións, personaxes e circunstancias que xorden ao longo da correspondencia.
Segundo explican as especialistas, "na edición deste singular epistolario optouse por ir intercalando, respectando a orde cronolóxica, as cartas escritas por Otero á súa nai e as que ela lle ía escribindo a el".

A petición do propio Otero, dona Eladia Pedrayo cóntalle as desgrazas e alegrías dos veciños de Trasalba, o pasamento de amigos e coñecidos, os traballos agrícolas, etc., ao tempo que don Ramón, con excelente mestría narrativa, describe paisaxes, situacións, acontecementos contemporáneos, sempre presentados para a comprensión da nai. Un documento de obrigada referencia non só para os estudosos de Otero, senón para os interesados sobre todo na historia da primeira metade do século XX.

A obra sae en dous volumes, de aproximadamente 600 páxinas cada un deles, cun album histórico de fotografías, e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Comparte nas túas redes sociais ou por email