O venres 22 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo. Celebrarase, dende o 22 ao 25, na Praza Castelao do pobo, en horario de 12:00 a 14:00 h e 18:30 h a 22:00 h. O fin de semana e festivo o peche pola mañá será ás 14:30 h.
Durante esta festa literaria, todas e todos os amantes das letras poderán asistir presentacións, sinaturas e faladoiros, para todos os públicos.
Esta feira é a encargada de poñer o broche final ao mes de xullo, acollendo novidades como a lectura feminista Eu son Exeria, de Marisa Vidal Collazo, ilustrado por Sole Pite Sanjurjo. Presentarase, o venres 22 de xullo, ás 19 h. Presenta o libreiro Xabier Rey.
Neste fabuloso libro, como arqueólogas da memoria, autora e ilustradora axúdannos a recompoñer un dos referentes femininos da nosa historia, á vez que nos achegan unha lectura feminista dunha viaxe no século IV.
O sábado 23, ás 12 h, celebrarase, no Salón de Plenos do Concello, a presentación da triloxía de Castelao. Construtor da nación, de Miguel Anxo Seixas Seoane.
Acompañando o autor, estarán Juan Conde Roa (Consorcio de Santiago), e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.
Logo do éxito acadado con Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, Premio Gala do Libro á Iniciativa Bibliográfica 2020, Premio da Crítica de Galicia 2020, e Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939, Premio da Crítica de Galicia 2021, Seixas Seoane volve a sorprendernos coa publicación deste derradeiro tomo, que pon fin ao maior proxecto de documentación sobre unha das figuras máis importantes da cultura galega.
Este é o resultado de anos de investigación e recollida de datos e documentación sobre a vida e obra de Castelao: o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar aos galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.
Na caseta da libraría Cándido, a partir das 12:30 h, Xesús Rábade Paredes estará asinando A luz co tempo dentro. Un libro singular e personalísimo que reflexa as memorias dun dos escritores máis importantes de Galicia.
Publicado na colección Memoria, esta obra pode lerse coma un constante balanceo entre dúas realidades que interpelan e que nos mobilizan. A pulsión e revelación da existencia, por un lado. Polo outro, a poderosa sede de plasmarse e autorrealizarse nos planos da ficción. Sempre máis próximo da terra que se pisa que da entelequia de ceos arelados, o autor é consciente de que unha elevada porcentaxe da xente apenas pode satisfacer a fame, collida na cadea de patróns invisibles, de estafadores que ninguén controla, de escravistas sen freo e de negreiros que a axeonllan e a atan á ruína.
Ás 20 h, celebrarase, no Salón de Plenos do Concello, a presentación de O rosario e a buguina, Premio Torrente Ballester 2020, de Xosé Ricardo Losada. Acompañando o autor, estarán a escritora Marina Losada e Pepa Martínez, lectora e activista cultural.
O rosario e a buguina novela a relación entre eles, baseada ata entón nos silencios e nas carencias afectivas, que deberán superar a pesar das súas antagónicas concepcións do mundo. A ideoloxía conservadora da nai fronte ás ideas revolucionarias do fillo, a moral cristiá en contraposición a unha vida disipada e inmatura e, por riba de todo, o amor que se profesan aínda que lles custe demostralo.
Unha historia profunda, onde se mesturan os sentimentos a través das dúas voces protagonistas do relato que se enfrontan á morte de maneiras moi distintas.
O luns 25, ás 18:30 h, celebrarase, na Feira do Libro, a presentación de A historia co cómic en Galicia, de Octavio Beares. Acompañando o autor, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Este libro debuxa a evolución da banda deseña na nosa terra e pon en orde cronolóxica os fitos que marcaron a historia desta arte. Dende os primeiros intentos de atopar unha narrativa secuencial e de combinar texto e debuxo nos xornais do século XIX ata o ‘boom’ dos anos noventa do pasado século e o presente. Por suposto, non esquece o papel central da xeración Nós e de Castelao, e os traballos na emigración.
Por último, para a cativada, terá lugar o espectáculo de Pakolas: Ramona Órbita. A dona do tempo. Un libro que mestura rock xunto as fermosas ilustracións de Laura Romero para contar a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega do Courel, posuidora dunha horta cibernética e unha perfeccionada máquina do tempo. Con ela marcharedes de viaxe pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a adultos.
Vémonos, en Rianxo!