A Editorial Galaxia trae ao galego a obra de Walter Benjamin

Categoría: Nova

Da man do tradutor Carlos Penela, Galaxia trae ao galego, por primeira vez, “Diario de Moscova”, a obra dun dos filósofos máis influíntes do século XX.
Berlinés de nacemento, Walter Bejanmin amosa, en “Diario de Moscova” a estancia nesta cidade, entre decembro de 1926 e febreiro de 1927, onde pretendía ser testemuña directa da realidade comunista e decidir sobre a súa unión ao Partido Comunista alemán.
Como afirma Gerhom Scholem no limiar do libro: “temos aquí unha peza completa sobre un período da súa vida que foi significativo para el e que aparece completamente sen censura, o cal significa sobre todo: sen autocensura”.
“O que sorprende é a súa incríbel precisión, na que a observación e a imaxinación se combinan cunha intensidade pouco frecuente. As vivas descricións das súas tentativas, ao final infrutosas, de iniciar unha relación frutífera cos portadores da vida literaria e artística e cos funcionarios que desenvolvían un papel nela, ocupan aquí un grande espazo”, avanza Scholem.
Considerado o traballo máis persoal de Bejamin, “Diario de Moscova” penetra de maneira sutil no plano máis íntimo do autor alemán, nun momento histórico fundamental, na súa vida persoal e na política global.
Walter Benjamin (Berlín, 1892-Portbou, 1940). Filósofo, ensaísta e crítico literario, estivo vinculado á Escola de Frankfurt, coa que mantivo numerosos desacordos.
Considerado o crítico literario alemán máis importante da primeira metade do século XX, tras ser rexeitada a súa tese de doutoramento pola Universidade de Frankfurt (“A orixe do drama tráxico alemán”, 1928) instalouse en París en 1933 escapando do ascenso ao poder dos nazis, de onde fuxiu cara ao sur tentando chegar aos Estados Unidos a través de España. Cando soubo que ía ser entregado á Gestapo na fronteira franco-española, suicidouse.
Entre as súas obras destacan: “O concepto da crítica da arte dentro do romanticismo alemán” (1920), “A tarefa do tradutor” (1923), as póstumas “Iluminacións” (1961), “Tentativas sobre Brecht” (1966) e “Baudelaire: poesía e capitalismo” (1969), e a novela “Rúa de sentido único” (1928), entre outras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email