Hoxe celebramos o Día de Galicia

Categoría: Nova

Coincidindo co Día de Galicia, tal día coma hoxe, un 25 de xullo de 1950, nacía, a Editorial Galaxia. Sucedía despois de que se celebrara, no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a asemblea fundacional da editorial. Quen estaban alí albergaban un soño común, case imposible a ollos da época, pero que o tempo, 72 anos despois, demostrou a forza e o compromiso, individual e colectivo, co se creou a Editorial Galaxia.
Naceu poñendo sempre a nosa terra e a nosa lingua, como a súa razón de ser e, hoxe, dende o futuro, celebramos esta fabulosa efeméride que ten como protagonista a nazón de Breogán, como versa o noso himno, Os pinos, escrito por Eduardo Pondal, en 1907.
Nun contexto de globalización, hoxe, é máis importante que nunca defender a nosa lingua, tendo sempre claro que a diferenza é o que fai a riqueza. Isto xa o sabía Castelao, cando nos debuxou nas súas viñetas de NÓS, cando describiu a nosa realidade en Cousas, ou cando mostrou que, a pesar de emigrar, o seu corazón estaría Sempre en Galiza. Álvaro Cunqueiro tamén fala de Xente de aquí e dacolá, de Merlín e familia, enchendo todo de maxia. Xohana Torres, que dende que dixo Eu tamén navegar, non deixou de facelo, e sempre en galego.
Dende Galaxia defendemos un proxecto de futuro que se fundamenta no noso compromiso coa lingua e a cultura galegas. O noso catálogo está cargado de clásicos, novidades, traducións da literatura universal e éxitos internacionais, que defenden o orgullo e a sorte de ser galegos.
Brindamos, hoxe e sempre, por Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email