A Editorial Galaxia recupera “A cidade dos Césares”, de Víctor F. Freixanes

Categoría: Nova

A obra foi a primeira gañadora do Torrente Ballester de novela hai agora 30 anos.
A Editorial Galaxia vén de recuperar, nunha nova edición preparada polo seu autor, a novela coa que Víctor F. Freixanes conseguía o Premio de Novela Torrente Ballester hai 30 anos.  O premio comezara uns anos antes pero a novela de Freixanes foi a primeira en lingua galega merecente de tan prestixioso galardón. Co gallo do seu 30 aniversario, a Editorial Galaxia publica unha nova edición preparada polo escritor que engade unha nota previa que contextualiza o libro dende moitos puntos de vista.
“A cidade dos césares” é unha obra clásica da narrativa en lingua galega, polo que merecía esta revisitación literaria e comezar circular de novo polas mesas de  novidades das librarías. En palabras do seu autor, na nota introdutoria:
“Trátase dunha historia, que invita a viaxar polos feitos a través da memoria dun defunto, unha sombra que revisa o pasado e o reconsidera coma unha longa confesión, en certa maneira unha íntima e desconsolada purga. A historia narra acontecementos certos que sucederon contrafinais do século XVIII, entre 1776 e 1783, mais cun segundo plano narrativo, case que a xeito de espello, en 1885, data en que os exércitos arxentinos do xeneral Lorenzo Vintter chegan ás barrancas de Carme de Patagones, á beira do río Negro, cerrando un dos capítulos da chamada Campaña do Deserto. Entre estas dúas referencias, cun intervalo de cen anos, móvese o relato. A base principal vén documentada no que os historiadores denominan a Expedición das Familias: homes, mulleres e crianzas que parten do peirao do Parrote, na Coruña, enviados pola coroa de España para poboar asterras do sur da provincia de Buenos Aires, terras inhóspitas que en parte empezaba a disputar Inglaterra, logo que os británicos se visen obrigados a abandonar as colonias do norte do continente. O control dos pasos do sur, moi principalmente os que levaban ao océano Pacífico, e o que moitos chamaban o Camiño de Valdivia, eran rutas cobizadas e inexploradas, arredor das que durante anos foron tecéndose numerosas lendas, semellantes a El Dorado, entre elas a que dá título á novela: a Cidade dos Césares. ”.
Por outra banda, sinala Freixanes que:
“A Cidade dos Césares é a primeira crónica novelada da presenza dos galegos naquela parte do mundo. Galegos, asturianos e maragatos”.
Esta nova edición da obra será presentada na libraría Lume da Coruña o vindeiro 28 de xullo ás 19.30 horas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email