A Escola de Letras dá o salto internacional coa súa presentación na Feira do Libro de Frankfurt

Categoría: Nova

O Ministerio de Cultura confirmou no encontro da Directora Xeral do Libro con Carmela Silva e Francisco Castro que a Escola estará presente no Pavillón de España da feira alemá.
A Escola de Letras impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das poucas existentes no Estado, dá un salto definitivo cara a súa proxección estatal e internacional coa confirmación do aval do Ministerio de Cultura para a súa presenza na Feira do Libro de Frankfurt, a máis importante do mundo, que se celebrará no próximo mes de outubro e estará dedicada a España. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, mostraron a súa satisfacción “por un soño cumprido”, tras o encontro en Madrid coa Directora Xeral do Libro e Fomento da Lectura, María José Gálvez, quen confirmou que a Escola de Letras será unha das protagonistas no Pavillón de España da que se ofrecerá información a todas as persoas visitantes e que, amais, será presentada ao sector e aos medios alemás.
No encontro, celebrado onte no Ministerio, tamén se avanzaron outras iniciativas para a proxección da Escola provincial como a elaboración dun proxecto, cara ao 2023, para levar tanto esta iniciativa como o “Manifesto de Soutomaior”, que reúne ás mulleres da escrita galega, aos Institutos Cervantes de Europa, así como a entidades e organismos de América Latina.
Na reunión, a directora xeral do Libro repasou coa presidenta da Deputación e co director de Galaxia todas as políticas que están en marcha, entre elas, a posta en marcha do “bono cultural”, que hoxe entra en vigor, e animou a todo o sector da cultura a que se adhira para poder utilizalo. Do mesmo xeito, informou da iniciativa de 1.500 euros que se está a destinar á compra de libros para as bibliotecas de todos os pobos de España, que se está a tramitar desde o Estado cos fondos Next Generation e que xestionan as comunidades autónomas.
Do mesmo xeito, no encontro se estableceron liñas de colaboración e sinerxias en canto á formación e as residencias de creadoras/creadores, e a presidenta Carmela Silva xa adiantou que o próximo ano a Deputación se presentará ás axudas a entidades que fomentan a lectura. De feito, a propia directora xeral confirmou que no último trimestre do ano, visitará a provincia de Pontevedra para presentar ao sector do libro, da creación e do mundo editorial todas as axudas vinculadas ao libro e ao fomento da lectura e para establecer novos vínculos de traballo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email