Edición conmemorativa dos 50 anos da publicación deste libro, ilustrada polo debuxante Xaquín Marín
Memorias dun neno labrego, primeiro título en prosa do autor, saíu publicado con data de xaneiro de 1961. Nesta nova edición reprodúcese o limiar ou proemio que Xesús Alonso Montero escribiu para a vixésima edición, no ano 1999.
Durante moitos anos, esta obra foi case que o único texto de iniciación á lectura en galego, antes de que a lingua estivese recoñecida nos programas de estudo e nos currículos escolares. As Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, é un dos grandes títulos populares, acollidos e recoñecidos polo pobo, polo conxunto da sociedade, que os fixo seus e soubo ler neles o discurso do seu tempo.

Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.