Editorial Galaxia fai balance das Letras Galegas 2026, un ano dedicado a recuperar e difundir o legado literario, xornalístico e persoal de Begoña Caamaño a través de novas publicacións e actividades culturais.
Ao longo deste ano, a editorial puxo en valor as novelas da autora, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, obras nas que revisitou os mitos clásicos desde unha perspectiva crítica e feminista.
A elas sumáronse novas publicacións que permiten achegarse á súa vida e traxectoria desde diferentes perspectivas:
Volveredes brindar por min, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira, unha biografía construída a partir de documentos e testemuños, lembranzas compartidas e rastros documentais dispersos.
A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás, con ilustracións de Carlos Gallego, sobre a infancia da escritora no Calvario. Un libro onde se mestura a memoria, a biografía, a historia e a ficción, que se brinda como unha oportunidade para reconstruír, e reivindicar, os primeiros anos de Begoña Caamaño.
Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía, de María Xosé Porteiro, centrado na súa traxectoria xornalística e no seu compromiso social. Un percorrido pola súa vida profesional e a súa pegada neste ámbito, onde conflúen xornalismo e literatura.
O transgredir das ondas, de Paula Carballeira, unha obra dramática que recupera a súa faceta máis reivindicativa. A través de diferentes testemuñas e voces, reconstrúese a versión máis insubmisa e desobediente de Begoña Caamaño.
A campaña escolar tivo un papel destacado coa publicación de Bego e o mundo do revés, de Iria Collazo López, ilustrado por Alba Stinson.
A partir deste libro naceu Chaves invisibles, unha campaña escolar de narración oral con Vero Rilo e música en directo de Luís Iglesias. Durante o primeiro semestre, preto de 4.000 persoas participaron nas sesións celebradas por toda Galicia, achegando a figura da escritora ás novas xeracións.
Begoña Caamaño regresa ao Calvario
Outro dos momentos destacados foi a inauguración, o 15 de maio, da exposición Begoña Caamaño no Calvario vigués, comisariada por Ramón Nicolás.
Instalada na zona peonil de Urzaiz, a mostra recuperou a memoria da infancia da autora a través de fotografías, documentos e ilustracións, conectando a súa traxectoria coa historia do barrio onde medrou.
Un legado que continúa vivo

As Letras Galegas 2026 deixan así novas oportunidades para descubrir unha autora cuxa mirada sobre os mitos, a memoria e as voces das mulleres continúa plenamente vixente.