A exposición “Begoña Caamaño no Calvario vigués” inaugurouse no barrio que a viu medrar

Categoría: Nova

O venres 15 de maio, celebrouse a inauguración da exposición Begoña Caamaño no Calvario vigués, na zona peonil de Urzaiz (números 213-217), no mesmo barrio que foi escenario da infancia da escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2026.

O acto contou coa presenza de Ramón Nicolás, comisario da mostra, de Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia e Abel Caballero, alcalde do Concello de Vigo.

A exposición convida a percorrer a memoria persoal e colectiva de Begoña Caamaño a través dos lugares, lecturas e experiencias que definiron a súa relación co Calvario. Fotografías históricas, documentos, ilustracións e textos axudan a reconstruír o Vigo da segunda metade do século XX que ela coñeceu de nena.

O proxecto está comisariado por Ramón Nicolás e coordinado por Xesús Domínguez Dono. O deseño e a maquetación son obra de Hayat Husein, e as ilustracións, de Carlos Gallego, procedentes do libro A nena que perdeu un zapato na lama, de R. Nicolás. A produción está ao coidado de Merlín Comunicación – Grupo Editorial Galaxia, coa colaboración do Concello de Vigo.

Para a súa realización contouse tamén co apoio do Arquivo Begoña Caamaño (ABC), a Asociación de Veciños do Calvario (ASVC) e o Arquivo Editorial Galaxia (AEG).

A mostra forma parte da programación cultural impulsada con motivo da homenaxe a Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas 2026.

Comparte nas túas redes sociais ou por email