O martes 19 de maio, celebrarase, ás 19 h, na libraría Couceiro, en Santiago de Compostela, a presentación de As humidades, de Alba Tomé.
Acompañando a autora, estará Carlos Labraña, escritor e dramaturgo.
Compartimos a continuación a entrevista completa con Alba Tomé arredor de As humidades, unha conversa sobre a infancia, a violencia, a memoria e os vínculos que atravesan a novela.
- Como nace As humidades e que che levou a escribir esta historia?
Naceu aló por 2022, cando estaba traballando no Congreso dos Deputados. Nunha tarde na que estaba moi enfadada escribín a primeira frase. Por aquel entón, trataba de entender o que era a política para min, e sobre todo, como debería ser un político. Comecei a reflexionar sobre cando entramos en contacto as persoas coa política, cando escoitamos por primeira vez conceptos como norma, xustiza, castigo, negociación… termos que damos por necesarios no noso día a día. Un control sobre nós por se desatamos o caos. Fixen borradores sobre a analoxía existente entre a figura do pai e o político, o Estado como a extensión do pai na casa, e nun primeiro momento quería facer un ensaio ao respecto, pero a ficción arrastroume. Interesábame a idea de crear unha nena que se alzase contra ese primeiro goberno que na novela é o seu pai, unha figura opresora e violenta, que se insurxise dende a acción e tamén dende a agresión. Explorar a maldade co único fin de vingarse con quen pretende impoñerse. Negarlle o poder a un pai, para que precisamente, deixe de telo.
- Que papel xoga a infancia na novela?
A infancia é a aprendizaxe brutal do mundo. É o momento no que aprendemos que as liberdades que nacen no noso interior teñen consecuencias. A narradora é unha nena que recibe violencia do seu pai, que é o home da casa, e á vez que o identifica como algo inxusto, imperdonable, non deixa de querelo. A infancia é esa parte da vida onde experimentamos un amor sen igual, un amor que é moi difícil curar cando somos maiores. Co cal, unha nena que sofre violenta paterna vai atoparse nunha dualidade. Neste caso, a de desexarlle mal ao seu pai, o seu inimigo, e á vez, non pode desfacerse da admiración que sinte por el, e o que é peor: cre que así son as relacións humanas, entende que é tan normal e lóxico sentir amor e odio a partes iguais. Ao mesmo tempo, o feito de que a narradora sexa unha nena, deixoume moito espazo para a inocencia, o humor, a vinganza que se desfruta como se dun xogo se tratase.
- A obra trata a violencia no fogar desde un lugar moi concreto. Como foi o proceso de abordalo?
Foi difícil e por momentos, chorei moito escribíndoa. Lembreime de Almudena Grandes cando dixo que ela choraba moito escribindo as súas novelas. Hai partes moi crúas, e ás veces preguntábame ata que punto me podería afectar pensar algunhas escenas durante tanto tempo, a miña mente como unha máquina do terror. Quizais foi aí cando entendín que escribir en realidade non te libera de nada, non serve para sandar, como tan romanticamente din dos procesos creativos na literatura. A escritura é cavar, ferir á memoria, e a min lévame a uns lugares tétricos que non descubriría doutra maneira. Pero precisamente, como esta é unha autoficción, eu son esa nena que recibe toda esa violencia, pero tamén a que a devolve, a que se vinga, a que non recoñece o poder paterno e as leis que impón.
- Como construíches as relacións entre os personaxes, especialmente esa alianza silenciosa?
É un dos motivos que máis me gustou escribir. Inspireime moito nas mulleres da miña familia, especialmente para crear a Señora Azucena, a bisavoa que guía a esa nena contra o goberno do seu pai. É unha vella con mandil que leva sempre unha navalla enriba, e ensínalle á narradora aquilo que a vai salvar: a autodefensa. E se é colectiva, mellor. De aí que se xunten para meditar as súas estrataxemas, para pactar se van fregar os calzóns do seu pai con ortigas ou se van picarlle unha roda do seu coche. Luci, a irmá da narradora, conforma o trío de bisavoa e bisnetas, onde esas personaxes tan novas comezan a recibir os primeiros consellos feministas, sen denominalos así, claro. Creo que isto foi algo que lle aconteceu á miña xeración. As nosas avoas e bisavoas, que sufriron a dependencia económica, nos dicían constantemente que debíamos estudar para ter o noso traballo e poder ser máis libres.
- Que che interesa explorar na tensión entre o público e o privado que aparece na novela?
Pois precisamente a barreira que os separa, atopar a explicación para que en ambas esferas podan suceder cousas tan dispares. O feito de crear un político que de portas para dentro ten comportamentos inxustificables, dunha persoa que defende uns valores de igualdade cando non os practica, nin se pregunta sequera por que actúa así. A súa posición de poder é o único que lle importa porque é un político. A violencia machista tamén sucede de pais a fillas, fillas que non están dispostas a someterse como puido facer a nai da narradora. No privado sucede a agresión, e o público na novela sírvenos para demostrar que as persoas están cheas de segredos que xamais nos imaxinaríamos.
- Que cres que pode levar consigo a persoa lectora despois de ler As humidades?
Pois agardo que rabia, e entendo que tamén tristeza. Quizais a persoa lectora empatice coa protagonista, todos queremos a alguén que intentou destruírnos. Todos rendemos algunha devoción en segredo.