Xosé Cermeño presentou “Por que comemos?”, no Mercado de Abastos de Pontevedra

Categoría: Nova

O CIFP Carlos Oroza empregará a obra como material didáctico durante o curso 2026-2027 e preparará catro menús inspirados nos seus capítulos.

O xoves 8 de outubro, o gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra acolleu a presentación de Por que comemos?, de Xosé Cermeño. Na rolda de prensa acompañaron o autor Ricardo Fernández Guerra, profesor técnico de FP da especialidade de cociña e pastelaría, e Marcos Calveiro, director de Editorial Galaxia.

A obra parte dunha pregunta aparentemente sinxela para explorar a alimentación desde diferentes perspectivas. Comemos por necesidade, pero tamén por pracer. Producir alimentos e compartilos crea vínculos entre as persoas e forma parte de moitos dos momentos importantes da vida. A través de historias e anécdotas, Cermeño achégase aos aspectos históricos, simbólicos e festivos das cousas de comer.

Esta relación entre gastronomía e cultura terá continuidade nas aulas do CIFP Carlos Oroza, que empregará o libro como material didáctico durante o curso 2026-2027. A proposta busca traballar coa obra nos talleres de cociña e promover a lectura e o espírito crítico entre o alumnado de Dirección de Cociña.

A partir dunha selección de capítulos, elaboraranse catro menús gastronómicos inspirados no libro. Está previsto presentalos durante o segundo trimestre do curso no restaurante pedagóxico Álvaro Cunqueiro do centro.

O alumnado de 2º do Ciclo Superior de Dirección de Cociña participou tamén na presentación, para a que elaborou un pequeno petisco relacionado con algúns dos capítulos da obra.

Xosé Cermeño (A Coruña, 1959) é sociólogo e autor dunha obra literaria singular. Foi creador de éxitos de televisión en Galicia, como Pratos combinados e Larpeiros, e tivo un papel destacado no desenvolvemento da ficción audiovisual no noso país. Publicou narrativa, ensaio, contos infantís, obras de divulgación, poesía e teatro. A novela Días felices con Fábia (2023) e o libro de prosas breves Vantaxes e inconvenientes de case todo (2025), publicados en Editorial Galaxia, son as súas obras máis recentes. Os aspectos históricos, simbólicos e festivos das cousas de comer son para Cermeño unha fonte de inspiración literaria e un motivo de reflexión. Por que comemos?, inzado de historias e anécdotas sorprendentes, nace desa curiosidade do autor polo mundo da gastronomía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email