“12 mulleres sen rostro”: recuperar as historias de quen quedaron fóra do relato

Categoría: Nova

12 mulleres sen rostro, de Rosa de Cabanas, é unha obra que se achega ás vidas de raíñas, nobres, bandoleiras, heroínas e revolucionarias; protagonistas de historias que se moven entre a realidade e a lenda.

Mulleres que sufriron as consecuencias de vivir nun tempo marcado pola desigualdade e que, a través das súas experiencias, representan tamén as de tantas outras que quedaron esquecidas.

En 12 mulleres sen rostro, Rosa de Cabanas imaxina eses rostros para devolverlles algo máis ca unha cara: unha historia, unha identidade e un lugar na memoria.

A obra presentarase o venres 18 de setembro, ás 20 h, no Campo da Festa de Ouzande.

A autora estará acompañada por Paula Carballeira, dramaturga e escritora, e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Rosa de Cabanas (Ouzande, A Estrada, 1976). Compaxina a súa actividade como arquitecta con traballos de deseño gráfico e ilustración en diferentes ámbitos.

Nos últimos anos desenvolveu varios proxectos artísticos propios como Mulleres valentes, Mulleres imaxinadas, Compañeiras, O mundo na cabeza e As que fan a festa, onde explora temas sempre presentes na súa obra: a muller, a identidade galega e rural e a memoria.

En 2025 participou como ilustradora na obra Os seráns de Vilancosta, de Santiago Cortegoso, publicada por Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email