Cinco historias para ler este verán

Categoría: Nova

O verán é o momento perfecto para descubrir historias novas historias que nos acompañen. Reunimos cinco lecturas que percorren territorios moi diferentes: a identidade, a memoria, o amor, a perda ou o misterio; e que convidan a vivir unha viaxe única desde calquera lugar.

Para quen quere cuestionar todo o que cre saber sobre a identidade

A muller de mentira, de Iria Collazo López

Premio García Barros 2026, A muller de mentira presenta unha protagonista que sente que nunca foi tomada en serio e que vive atravesada polas miradas dos demais, como se non existise. Cunha voz que se define como un “animal imaxinario”, un “personaxe de conto” e unha “muller de mentira”, a novela afonda na percepción da identidade e no derrubamento dunha vida que parecía ser apenas un ensaio.

Para quen sabe que as cidades tamén gardan memoria

Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez

Premio Losada Diéguez de Creación Literaria, esta novela é unha carta de amor ao Vigo industrial e combatente. A través dos recordos dun neno que medra entre folgas, manifestacións e loitas sindicais a finais dos anos noventa, constrúe unha homenaxe aos fillos e fillas do traballo, da dignidade e da memoria colectiva.

Para quen necesita perderse para volver atoparse

Perder o norte, de María Quiroga

Premio Illa Nova de Narrativa 2025, esta novela percorre o dó, a culpa, os recordos e as palabras que quedaron por dicir. Unha viaxe en bicicleta e o Camiño de Santiago convértense no escenario dunha procura íntima na que o mar, o movemento e os encontros inesperados axudan a reconstruír o equilibrio.

Para quen non pode resistirse a un bo misterio

Asasinato no Muíño do Cura, de Arantza Portabales

Arantza Portabales regresa cun novo caso protagonizado pola detective Iria Santaclara e o comisario xubilado César Araujo. Un crime ocorrido en 1984, un pasado cheo de silencios e unha investigación que obriga a remexer na memoria dunha vila onde nada era exactamente o que parecía.

Para quen cre que o amor tamén pode desafiar o seu tempo

Elas dúas, de Luís Rei Núñez

Premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2025, Elas dúas reconstrúe a historia dunha profesora e dunha alumna que viven un grande amor na Galicia dos anos cincuenta. Entre tabús, silencios e pequenas rebeldías, ambas loitan por seren donas de si mesmas nun tempo que parecía impedir mesmo a posibilidade de soñalo.

Ás veces a mellor viaxe comeza ao abrir un libro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email