Tal día coma onte nacía en Vilanova de Lourenzá (Lugo), Francisco Fernández del Riego, sen lugar a dúbidas unha das persoas sen as que Galicia non se podería entender tal e como hoxe a concebimos. Seguindo a estela de Castelao, don Paco pertence á estirpe de homes e mulleres que, fronte de toda adversidade, e a pesar do difícil que llo puxeron, souberon entregar a súa vida, concentrando todas as súas enerxías, para facer deste país un lugar soñado con orgullo de seu.
A súa vida aparécesenos, así, como un facho e un guieiro imprescindible para todos e todas os que, dalgunha maneira, somos fillos seus na idea compartida dunha Galicia viva e poderosa.
Cada día, cada hora, en cada momento, don Paco Fernández del Riego, pioneiro, candil sempre aceso, aluméanos un camiño que gozamos transitando con el.
Galicia enteira entrégalle os seus parabéns máis emocionados.