Escoller onde buscar

Adeus a un pioneiro e mestre da tradución

Categoría: Nova

Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931) ven de falecer en Inglaterra, onde residía desde 1963. Viviu a maior parte da súa vida en Londres, aínda que mantendo sempre un estreito contacto con Galicia, onde regresou periodicamente en especial durante os últimos anos.
Na capital británica traballou nos Servizos Exteriores da BBC para España, emisora que naquela altura, en pleno franquismo, emitía varias horas en galego. Despois dunha vida dedicada á tradución, formou parte do consello asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). Igualmente, deu cursos de tradución en universidades de Londres, Lisboa e Granada.
Como tradutor, en 1972 verteu por primeira vez Shakespeare ao galego na nosa editorial (Macbeth) e tamén traduciu varias obras de Lewis Carrol, da que Alicia no país das marabillas (Xerais, 1984) lle valeu o Premio de Tradución do Ministerio de Cultura.
As súas últimas aparicións en público en Galicia foron para recoller a Medalla Castelao 2009 que lle outorgou a Xunta e para intervir xunto a Miguel Barros e Xosé Luis Méndez Ferrín nunha conferencia sobre Ramón Piñeiro, coetáneo seu e co que mantivo unha moi intensa relación.

Comparte nas túas redes sociais ou por email