7 libros de Editorial Galaxia son finalistas na décima edición dos prestixiosos Premios Follas Novas do Libro Galego 2025.
Entre as obras seleccionadas de Galaxia, destacan:
Premio á Obra de Ensaio e Investigación:
Os inmigrantes imaxinados. A identidade galega na Arxentina (1780-1960), de Xosé M. Núñez Seixas. Este libro aborda a historia sociocultural da colectividade galega na Arxentina, a máis importante de América, entre finais do século XVIII e mediados do XX, e analiza a conformación da súa identidade colectiva en relación coas imaxes que sobre os inmigrantes circulaban naquela sociedade, na esfera pública e literaria, entre os séculos XIX e XX, o peso dos estereotipos negativos e a súa evolución, a competencia e complicidade con outras colectividades, nomeadamente a italiana, e o papel das elites galegas no fomento de imaxes alternativas do bo inmigrante.
Premio á Obra de Divulgación:
As benfaladas, de María Xosé Porteiro. Publicado na colección Feminismos de Editorial Galaxia, reflexiónase sobre esta circunstancia e propóñense alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativa e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino á sociedade, entendido como necesidade perentoria para combater a violencia simbólica que padece.
Premio á Obra de Narrativa:
Runrún, de Ana Varela. Amosa a historia de Uxía, unha xanela aos retallos dunha vida. Unha perspectiva na que prima a saúde mental, os coidados, a afectividade e as relacións sociais.
Premio ao Libro Ilustrado:
Papóns, que xa foi merecente do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2024, pon en valor o noso. Cóntase desde a nosa propia identidade, con mulleres que non posúen corpos normativos, pero que son reais. Por unha nena, Inés, que foxe das convencióna de nena actual, pero que conecta coa súa esencia.
Con este álbum, Sandra Lodi pon o seu grao de area na construción dunha identidade cultural forte, que nos define, e onde a nosa sociedade se poida ver representada cando o lea.
Premio ao Libro de Banda Deseñada, Gráfico e Humor:
Memorias dun neno labrego (novela gráfica), adaptación de Iria Aldegunde sobre o clásico de Neira Vilas.
Publicada na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas está debuxada con sentimento e bo pulso narrativo.
Eu son… Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ningúen. E ademais, pobre.
Así comeza o libro máis lido e traducido da literatura galega. Unha das obras que fundan a nosa narrativa contemporánea e que agora se presenta por vez primeira nunha adaptación gráfica.
Premio ao Libro de Teatro:
Fóra de campo, de Rosalía Fernández Rial, que xa recibiu o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024, unha obra que enfoca o que fica alén do plano, ese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais.
Ubasute, Paula Carballeira. Unha publicación que fai referencia no título ao termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá”, o presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado un parente vello ou enfermo. Existen referencias desa práctica na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba.
En palabras da propia autora, esta obra trata sobre “as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles”.
O vindeiro 26 de abril daranse a coñecer as obras gañadoras nunha gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago. Este evento será o broche final dun proceso que recoñece o mellor da creación literaria galega do último ano.