Manuel María (Outeiro de Rei, 1929 – A Coruña, 2004) poeta, narrador, dramaturgo e académico da RAG, finaba hai hoxe catorce anos deixando tras de si unha inmensa obra literaria que recobraría todo o seu esplendor o pasado 2016, cando a Academia decidiu adicarlle o Día das Letras Galegas. Con tal motivo, nese mesmo ano, vían a luz na Editorial Galaxia algún libros referenciais sobre o autor: dende a coidada Antoloxía poética da súa obra coordinada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela, ata a premiada biografía que asinaba Mercedes Queixas Zas, Labrego con algo de poeta. Mais tamén títulos para os máis novos da casa como a A Berenguela, unha opereta de Nani García baseada na obra de teatro infantil máis recoñecida de autor; ou as versións musicais dos seus poemas a cargo de Uxía e Magín Blanco en Canta o cuco, un coidado volume con ilustracións de Leandro Lamas.