Chegan as novidades de outono!

Categoría: Nova

Co arranque do novo curso, en Galaxia comezamos a preparar os que serán os títulos cos que encheremos as librarías a partir da semana que vén e durante este último treito do ano: novidades para todos os públicos e todos os gustos que non poderedes deixar de ler.
Así, en Literaria é a quenda de novelas intensas como Natura, un libro co que Iolanda Zúñiga se adentra no terreo da distopía, ou Dezanove badaladas, unha novela de Anxo Rei Ballesteros inédita ata o de agora e que o autor de Boqueixón escribiu nos seus anos mozos. Tamén será tempo de reedicións, co regreso ás librarías de Adiós María, clásico de Xohana Torres imprescindible para entendermos a narrativa galega do século XX, e a recuperación de Camino de Santiago, un guión de Otero Pedrayo. E, por suposto, publicaremos os premios narrativos máis importantes do país: A través do fume de Antonio Piñeiro, Premio Torrente Ballester 2017; Os bicos feridos, o debut de Anna R. Figueiredo que mereceu o Premio Viadutos de Novela; As Ramonas, a primeira incursión na novela de Ana Cabaleiro que gañou o Premio García Barros 2018; e a obra gañadora do Premio Repsol, que se fallará nos vindeiros días.
E tamén en Literaria dúas entregas moi especiais: O libro dos libros, un volume de escritores bibliófilos con contos inéditos de Andrea Barreira Freije, Antón Riveiro Coello, Anxos Sumai, Helena Villar Janeiro, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Rosalía Fernández Rial, Vanesa Santiago e Xabier López López. E outra antoloxía, desta volta para celebrar os trinta anos de historia do Premio de Novela Manuel García Barros, e que incluirá contos dos autores presentes no prestixioso palmarés do galardón estradense.
Na colección de poesía Dombate aparecerá Pantallas, a novidosa proposta coa que Celia Parra regresa ás librarías e onde palabra e vídeo se dan a man para crear novas atmosferas: non perdades a oportunidade de asistir a algunha das presentacións!
A colección Sonárbore seguirá medrando cos máis pequenos e dándonos alegrías cos novos libro+cd de Xoán Curiel, que regresa con A casa do terror, e Oviravai, que fará bailar e cantar ao público miúdo con Paio e o poder da música.
Na colección Árbore de literatura infantil verán á luz Os Fantom, a novela coa que Patricia Mallo gañou o Premio Carlos Mosteiro, Non trabes na lingua de Antón Cortizas, A formiga fóra do carreiro de Raquel Castro e A casa do paralelo 54 de Iria Collazo. Nesta mesma colección terá un oco tamén a difusión do teatro infantil dun clásico das nosas letras: Bernardino Graña. E en Libros para compartir, O tecedor de soños de Mon G. Buhigas, que fará as delicias de grandes e pequenos.
Para as mozas e mozos chegarán ao longo do outono na colección Costa Oeste: Iridium, o regreso de Francisco Castro á literatura xuvenil; A filla do minotauro, coa que Marilar Aleixandre gañaba o Premio Raíña Lupa; a recuperación de Os ollos do Tangaleirón de Xosé A. Neira Cruz; A última bala, a peza teatral coa que Fernando Castro Paredes gañou a primeira edición do Premio Vidal Bolaño; e O segredo de As Burgas, a estrea literaria de Andrés Pombo Graña.
En Ensaio moitas serán as novidades, entre outras os volumes colectivos Xerardo Fernández Albor e o seu tempo e Historia dun pasado incómodo. Tamén inauguraremos a nosa biblioteca dedicada aos Feminismos con libros a cargo de Chis Oliveira e Amada Traba ou Clara Campoamor. Mentres que a colección Memoria acollerá a biografía Perfecto López, un vimiancés na Galicia ideal de Xosé María Rei.

E por suposto, novo libro de cociña, desta volta para os máis pequenos da casa, da man de Rocío Garrido, e algúns coidados volumes fóra de colección como Chiloé de Xosé Luís Abalo con fotografías de Eduardo Blanco Amor.
Por diante, un fin de ano intenso e cheo de libros marabillosos. Vémonos nas librarías!
 
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email