O espido de Gina

16,00€

mercar

O espido de Gina

Miguel Anxo Fernández

Na súa nova novela, Miguel Anxo Fernández reivindica o dereito á lembranza cun sorriso nos beizos, porque tamén somos as películas que vivimos, as que nos deixaron pegada e ás que regresamos de cando en vez.

Recordos de infancia, de mocidade e de madureza, nutridos na inmensidade da sala escura mentres a pantalla nos amosaba secuencias inesquecibles, personaxes memorables, tramas asombrosas… Mudaron os vellos cines, de olores singulares, de carteleiras coloreadas, de programa dobre e sesión continua, de cine dominical e festivo. Pero non mudou a capacidade do cine de provocar emocións.
En O espido de Gina, Miguel Anxo Fernández, escritor e cinéfilo, sérvenos un cóctel peculiar no que, usando dunha voz en off coma a de Fernando Rey en Bienvenido Mr. Marshall, un xornalista da ben identificable vila galega de Valdesantos, relata unha crónica na que se pode rastrexar o misterioso motorista de Amarcord, a mala relación entre o proxeccionista Alfredo e o crego Adelfio en Cinema Paradiso e o proxeccionista Luigi e o exhibidor Jordan en Splendor.
Atilano, don Nemesio, Manfredo, Valboa, Lambón, Mariví e o peculiar taberneiro Dousreás, forman o universo de Valdesantos, que ve alterada a súa paz de vila galega da década de 1960 cando os do cine Central anuncian a proxección da película Espida fronte ao mundo, protagonizada por Gina Lollobrigida. Ademais, a novela achega un retrato sociolóxico dunha época onde unha boa maneira de fuxir da intolerancia, do conformismo, da rutina e dos "25 anos de Paz" da propaganda oficial, eran as películas do Central e a televisión en branco e negro do café Moderno.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 196
  • Deseño : Rústica con lapelas
  • Dimensións : 135 x 210
  • Data Publicación : 2014-05-28
  • Colección : Literaria
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 978-84-9865-535-3
  • Edición : 1

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

grial-214Grial 214 VV.AA.
unha-ducia-de-galegosUnha ducia de galegosVíctor F. Freixanes

Autor/a

miguelanxo

Fernández, Miguel Anxo
O Carballiño, 1955. Doutor en Comunicación audiovisual, investigador e teórico cinematográfico, está vencellado desde finais dos anos setenta ao desenvolvemento do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o Premio de Honra Fernando Rey no 2001. En 2012 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu labor a prol da creación audiovisual. Profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, exerce a crítica diaria de cinema e televisión en La Voz de Galicia, ademais de colaborar no Diario Cultural (Radio Galega) e en Planeta Cine (TVG). Entre a súa obra especializada destacan Carlos Velo. Cine e exilio (1996), As imaxes de Carlos Velo (2001, Premio Sempre en Galiza), Las imágenes de Carlos Velo (UNAM, México, 2007), A Bela Otero, pioneira do cine (2002, Premio Chano Piñeiro), Rodado en Galicia (2005) e Os amigos de Chano Piñeiro (2007, ed.). No eido da ficción publicou en Galaxia O sabre do francés (2002) e Capitol, última sesión (2004), ademáis da triloxía sobre o detective Frank Soutelo, formada por Un nicho para Marilyn (2002, Premio García Barros), Luar no inferno (2006); Tres disparos e dous friames (2008), Lume de cobiza (2011), Bícame Frank (2013), O espido de Gina (2014) e Un dente sen cadáver (2016).


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR