Cadernos Grial. Letras Galegas 2008

VV.AA.

A palabra e os días. Homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez

O Caderno Extraordinario da revista GRIAL vai dedicado esta vez á figura egrexia de Xosé María Álvarez Blázquez, a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Baixo a denominación xenérica de A PALABRA E OS DIAS (o mesmo título da Exposición Homenaxe patrocinada pola Consellería de Cultura e Deportes e pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo), este caderno de GRIAL reúne colaboracións de especialistas e unha minifotobiografía arredor da figura e a obra do poeta, investigador, crítico literario e editor.

Francisco Fernández del Riego, que compartiu militancias e angueiras editoriais; Carlos L. Bernárdez, autor do estudo biográfico que Galaxia preparou para as LETRAS GALEGAS, Gonzalo Navaza, María Dolores Cabrera, Darío Xohan Cabana, Manuel Forcadela e Xosé Luis Franco Grande abordan distintas facetas da personalidade e da creación intelectual de Xosé María Álvarez Blázquez.

Inclúese, a maiores, un inédito de notable interese, anotado por Gonzalo Navaza. Trátase de "A mensaxe secreta dos nomes", escrita polo autor arredor do ano 1981, en plena madureza, pero que deixou nas gabetas sen publicar. O interesado pode acceder ao texto a través destas páxinas na Rede.

Trátase, en palabras de Gonzalo Navaza, "dun opúsculo inconcluso de vintetantos folios manuscritos e algunhas notas soltas" que debemos considerar unha work in progress, non exactamente unha peza rematada, pero que ofrece indubidable interese, nunha preocupación polas claves secretas dos nomes das cousas e das persoas, tal coma no seu día fixera tamén coa toponimia (os nomes da terra) e que nesta ocasión ten moito de xogo, de divertimento e de homenaxe aos seus amigos, os escritores.

Dende os poetas medievais ata os seus contemporáneos, dende Pero de Ambroa e Pai Gómez Chaiño ou Martín Codas a Eduardo Blanco Amor, Castelao, Luís Amado Carballo, Celso Emilio Ferreiro ou Alexandre Bóveda, o escritor viaxa pola onomástica galega nunha aventura estética, de carácter anagramático, que deleita e emociona, ademais de sorprender.

María Dolores Cabrera estuda nestas páxinas a dimensión de Xosé María Álvarez Blázquez. Darío Xohán Cabana, que durante catro anos da súa mocidade compartiu horas de traballo na Editorial Castrelos e na librería Monterrei, aborda a dimensión poética. Manuel Forcadela escribe sobre o narrador, e Xosé Luis Franco Grande evoca a súa personalidade, a súa dimensión humana e a súa curiosidade pola investigación, a historia e a memoria de nós.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 92
  • Deseño : Rústica
  • Dimensións : 18,5 x 27 cm.
  • Data Publicación : 2008-04-28
  • Colección : Cadernos Grial
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 978-84-9865-093-8
  • Edición : 1

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

a-tua-historiaA túa historiaKathryn StrobelVanesa Álvarez
a-revolucion-verticalA revolución verticalNgũgĩ wa Thiong’o
do-tempo-e-dos-astrosDo tempo e dos astrosAntonio Fraguas

VV.AA.

VV.AA.,


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR