Exposición homenaxe a Xosé Mª Álvarez Blázquez

Categoría: Nova

Unha viaxe pola biografía e a obra dun autor fundamental na edición galega, a quen este se adica o Día das Letras Galegas. O visitante poderá achegarse a súa obra a través do material bibliográfico exposto, tanto da súa autoría como da súa faceta de editor, e a súa vida a través dos obxectos persoais e as pezas dos fondos da familia Álvarez Blázquez.

Esta exposición sobre Xosé María Álvarez Blázquez pretende achegarnos á súa figura atendendo ás súas múltiples facetas vitais e creativas. Diante de nós aparece o poeta, pero tamén o investigador e o cronista. Un home curioso e activo, cheo de inquedanzas, que foi quen de deitar o seu talento na súa época e para a súa terra atendendo a moitas frontes porque nada quedaba fóra da súa curiosidade. Desde o compromiso con ela, inventando, en tempos escuros pouco propicios á lucidez, un país do que hoxe podemos gozar. A súa contribución, desde a recuperación de cantigas medievais, ou desde o seu labor de arqueólogo, editor ou poeta, celebrámola hoxe coma un agasallo xeneroso dun home de talento.

Nesta homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez propoñemos tamén unha viaxe pola súa vida desde o seu nacemento en Tui ata a súa morte en Vigo. É, dalgunha maneira, unha viaxe pola Galicia do século XX, unha terra ferida, coma o propio Xosé María tralo fusilamento do pai polos fascistas no 36, pero que quixo erguerse do seu sono, loitando contra da escuridade, a través da edición de libros fermosos, a través de palabras deitadas á roseira do mencer, batallando contra os ruíns, abrindo canles segredas para que entrase a luz e fluíse o vento. A Galicia que hoxe le e escribe en galego non existiría sen a contribución de xentes ilusionadas coma Xosé María Álvarez Blázquez.

A exposición A palabra e os días, é, sobre todo, unha homenaxe. Mais é tamén o cumprimento dunha débeda que tiñamos coa forza do vento que foi Xosé María Álvarez Blázquez.

Para el, todo o noso agradecemento.

ACTIVIDADES PARALELAS

A exposición complétase cunha serie de actividades paralelas:

– CICLO DE CONFERENCIAS. Patrocinado pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo.

Martes 22 de abril de 2008. Conferencia – Recital poético
Darío Xohán Cabana: A miña lembranza de Xosé María Álvarez Blázquez.
Recital poético a cargo dos fillos de Xosé María Álvarez Blázquez: As palabras do pai.

Martes 29 de abril de 2008. Conferencia
Sabino Torres: Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez na colección Benito Soto.

Martes 6 de maio de 2008. Conferencia
Víctor F. Freixanes: Xosé María Álvarez Blázquez, editor.

Martes 20 de maio de 2008. Conferencia
Pilar Barciela: Xosé María Álvarez Blázquez, Arqueólogo.

Todas as conferencias celebraranse ás 20:00 horas na Casa Galega da Cultura de Vigo.

– OBRADOIROS

OBRADOIRO DE CANTIGAS MEDIEVAIS GALEGAS e visita guiada á exposición, para grupos de ata 35 alumnos. Patrocinado pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo.
Dirixido ao alumnado de Primaria e ESO
Do 22 de abril ao 23 de maio
Luns, mércores e venres en horario de mañá
Duración: 90 min.
Salón de Actos da Casa Galega da Cultura
Información e reservas: 986 22 14 46 (de luns a venres)

OBRADOIRO DE ARQUEOLOXÍA. Patrocinado pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo.
No marco da exposición: "Xosé María Álvarez Blázquez, arqueólogo de Vigo",
Do 16 de maio ao 6 de xullo.
Dirixido ao alumnado de Primaria e ESO
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León"
Información e reservas: 986 29 50 70 (de luns a venres).

Comparte nas túas redes sociais ou por email