Xosé María Álvarez Blázquez e o Día das Letras Galegas

Categoría: Nova

Carlos L. Bernárdez preparou para a colección LETRAS GALEGAS a Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, unha viaxe pola vida e o tempo histórico de Álvarez Blázquez, que presenta a significación da súa obra e escolma unha serie de textos representativos, tanto en verso como en prosa, cunha interesante aportación gráfica.

Outra das novidades é a recuperación de Canle segredo na colección DOMBATE, poemario que Álvarez Blázquez edita en 1976, pero que estaba escrito dende bastantes anos antes, dende 1954 polo menos, data na que o poeta recibe o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Buenos Aires por ese mesmo texto. Iso significa que o libro, no que latexan momentos de inspiración social e existencial, mesturados con intres de forte emoción lírica, se adianta nalgúns destes rexistros a títulos tan significativos desta época coma a propia Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro (1963), como explica Xosé María Álvarez Cáccamo na introdución.

Na colección LITERARIA recollemos a narrativa galega completa do autor baixo o título de A pega rabilonga. Os ruíns. Neste caso o libro leva unha presentación dun seu outro fillo narrador, Alfonso Álvarez Cáccamo. Son dous libros de contos: Os ruíns, narracións que datan do ano 1935, case no punto do estoupido da Guerra Civil, e A pega rabilonga e outras historias de tesouros, que viu a luz en 1971 en Edicións Castrelos. Estas narracións comparten, malia os anos que as separan, riqueza descritiva, viveza nos diálogos, humor sutil e unha querenza do autor polos personaxes humildes e perdedores fronte á crítica aberta aos insensibles e aos poderosos.

Xosé María Álvarez Cáccamo publica na colección MEMORIA Tempo do pai, evocación relatada con sensibilidade literaria e emocional, escrita desde a lembranza íntima dos instantes e das imaxes que configuran a memoria dun dos fillos de Álvarez Blázquez.

Adicamos tamén un número especial do Caderno Grial a esta figura, baixo a denominación xenérica de A PALABRA E OS DIAS, o mesmo título que leva a Exposición Homenaxe que se pode visitar ata o 25 de maio na Casa da Cultura de Vigo, patrocinada pola Consellería de Cultura e Deportes e pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo. Este caderno extra de GRIAL reúne colaboracións de especialistas e unha minifotobiografía arredor da figura e a obra do poeta, investigador, crítico literario e editor.

Por outra banda cómpre salientar o esforzo conxunto de Galaxia e El País para reeditar 22 títulos da colección O MOUCHO, unha iniciativa de Xosé María Álvarez Blázquez que botou a andar no ano 1967 desde a Editorial Castrelos e encheu as librerías de Galicia de libros galegos. Mais tamén papelerías, quioscos, estancos, tendas de ultramarinos, ferraxerías… Dalgúns títulos como O catecismo do labrego chegaron a venderse máis de 15 edicións.

Comparte nas túas redes sociais ou por email