Xurxo Sierra Veloso recibiu o premio Repsol de Novela

Categoría: Nova

Onte, na Fundación Luis Seoane da Coruña, o escritor Xurxo Sierra Veloso recibía o premio de novela Repsol pola súa obra 'Os fíos' que vimos de publicar na nosa colección Literaria.
No acto participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo e o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor Freixanes.
O galardoado, Xurxo Sierra Veloso, naceu en Caracas (Venezuela) en 1969. Na actualidade é funcionario da Universidade de Salamanca, con destino na Escola Universitaria de Maxisterio en Zamora. Na súa traxectoria literaria atópanse as obras 'Os ollos do rei de copas' (1994), 'Licor de abelá con xeo' (2006), 'Os mércores de Fra' (2006) e 'Os nomes do traidor' (2008).
Coa chegada de Xurxo Sierra Veloso á nómina dos galardoados, medra unha lista ocupada por nomes ben senlleiros do noso sistema literario. Na primeira edición, en 2006, foi o xornalista Miguel Sande o que se fixo con este galardón pola súa obra 'Se algún día esta muller morta' e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, acadou un accésit por 'O insomnio dos centauros'. A gañadora da segunda edición foi a obra 'Así nacen as baleas', da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo 'A verdade como mal menor', novelas todas publicadas pola nosa editorial.ç
O gañador quixo dedicar o premio aos seus pais e avós 'polo gran agasallo da lingua'. Rematou o acto coa intervención do grupo Instrumental Siglo XX, que pechou o acto de entrega do premio coa interpretación dun fragmento de "As sete últimas palabras de Cristo na cruz", de Haydn.

Comparte nas túas redes sociais ou por email