Xosé María Álvarez Blázquez na rede

Categoría: Nova

Xa é posible ter acceso á vida, o tempo e a obra de Xosé María Álvarez Blázquez desde a web da Editorial Galaxia.

Galaxia pon a disposición de todos os internautas a oportunidade de navegar polos paneis da exposición celebrada en Vigo, A palabra e os días, patrocinada pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, que agora comeza a súa itinerancia por toda Galicia ata fin de ano, e que serveu como homenaxe ao autor de A pega rabilonga.

Ao acceder ao menú, o visitante terá a posibilidade de contemplar os paneis que formaron parte da exposición. Unha viaxe virtual que arranca en Tui no ano 1915 e que chega ata a súa morte, en Vigo, no ano 1985. Todas as facetas vitais do autor homenaxeado co Día das Letras 2008 son tratadas aquí: o poeta, o narrador, o arqueólogo, o editor…

Ao mesmo tempo, desde a web accédese a un Punto Interactivo que dá paso á biografía, bibliografía de e sobre Álvarez Blázquez, un paseo polo seu tempo vital, así como unha ampla mostra documental do seu importante labor como editor.

Galaxia segue así, agora desde a Internet, realizando actos de homenaxe a Xosé María Álvarez Blázquez neste seu ano.

Comparte nas túas redes sociais ou por email