"Ollos de auga" no Times Literary Supplement

Categoría: Nova

Na recensión do Times Literary Supplement, o crítico literario Daniel Jeffreys cualifica ao detective Caldas como "un embaixador da cultura galega" no mundo e salienta o estilo transparente e a crítica social presente na novela de Domingo Villar como unha característica que o vencella coa obra do mestre do xénero negro, o norteamericano Raymond Chandler.

O artigo, incluído nas páxinas que o semanario inglés dedica á literatura de ficción, afirma que o escritor galego consegue ultrapasar os tópicos do xénero policial e ampliar os rexistros da novela negra, para subliñar o feito, novidoso entre os lectores ingleses, de que a novela se desenvolva en Galicia, contrapoñendo o Atlántico á excesiva presenza do Mediterráneo na literatura traducida en Inglaterra.

A edición inglesa de Ollos de auga, que acaba de saír dos prelos de Arcadia Books co título de Water-blue Eyes, convértese deste xeito nunha das obras da narrativa galega que consegue estar entre as selectas e pouco numerosas novelas europeas traducidas e publicadas en inglés, unha lingua e un mercado do libro que se caracteriza polo baixo número de traducións de obras literarias que logran entrar nel se temos en conta a enorme produción editorial en lingua inglesa tanto en Gran Bretaña coma nos EUA.

Comparte nas túas redes sociais ou por email