Xosé Manuel Pacho

Categoría: Recensión

OBAOI

A historia comeza coa aparición do corpo dun home asasinado nun tren. Homenaxe inequívoco ao xénero policial, pero no que Antón Risco permítelle ao lector facer súa a propia historia. Dende aquí, como se de raíces falasemos, nace a árbore da novela. Novela de escenarios tan diversos como París e Irún, Bos Aires e Madrid, Euskadi e o Levante. E no que tamén aparece, como non pode ser doutro xeito, a súa ítaca dourada, a Galiza. Xa mo dixera Arturo Lezcano, para Risco fillo a nosa xeografía tiña un espacio privilexiado, ese estilo fino que permanecía como unha lembranza dos paraísos perdidos. Na novela di de Galiza que é un país incógnito no que o principal, o que se relaciona coa súa propia identidade, fica aínda por descubrir. E eu, non podo por menos que estar dacordo. Galiza aínda non sabe o que é, por eso se cadra os galegos cando nos movemos polo mundo temos esa capacidade de mímese. Se cadra é o momento de reivindicar o que somos. Se cadra é o momento de defender a nosa singularidade e ceibarnos de tanta indiferencia.

Ese curruncho do mundo agocha na novela personaxes ben curiosos para que os poidamos descubrir, como na realidade. Historias de ficción, historias de vida. E a novela partindo dese corpo asasinado, constrúese a si mesma. Como se dun tríptico de espellos se tratase os fíos argumentais préstanse personaxes, escenarios e accións. O nazismo e os obaoi, a historia dun xornalista italiano e a espionaxe, e mundo agochado de eta. E desas tres historias paralelas nace unha gran novela.

Destaca na faceta do Antón como novelista, a técnica literaria, aspecto fundamental da creación, e no que o suxeito pasivo é sen dúbida, o lector. É por iso que non se limita a contar, senón que procura a sensación da persoa que se achega ao texto, a sensación da novela ao ser lida. Dende todos os estilos empregados, dende as cartas que aparecen nas novelas, dende os artigos xornalísticos que a forman, dende os diarios e as conversas, Risco constrúe literatura. Transcendendo os estilos e cun fato de historia que se unen, que se afastan, e deitan no lector a idea do dinamismo máis propio do cine que das palabras. Este xeito de escrita omnicomprensiva froito da lectura paralela de varias historias é algo máis que sinxelamente a suma de todas elas. E o lector, como na obra de Durrell O cuarteto de Alexandría, vai engadindo consciente e inconscientemente datos que haberanse de revelar como fundamentais na trama. Por eso atopamos referencias en todos os cabos que larga o escritor, referencias ao núcleo ideal, porque non ten espacio físico, ao motivo básico da novela: a existencia dos OBAOI.

Que son os OBAOI? Que son os AOBUO? Son o acrónimo de Obxectos Antigos de Orixe Ignorada, de Ancient Objects of Unknown Origin. A vella teima de Cuevillas que pasou polos camiños da vida e da literatura ata o Antón. Son as prezadas pezas que o lector da man de Antón Risco, vai buscando ao longo do mundo. Pero o novelista sabe que sen personaxes as accións e os lugares fican na inexistencia. Por iso aparecen personaxes inventados como Antón Risco, Arturo Baltar, e outros tantos que son ou poden ser reais, como criminais nazis, etarras, xornalistas… Cidadáns de todos os países, homes e mulleres que encarnan os grandes sentimentos humanos: o ben e o mal, o amor, o desexo, a traizón, o desencanto.

Risco experimenta con mestría neste romance, que como unha boneca rusa vainos descubrindo segredos agochados. Comezando paseniñamente a historia, vai incrementando con cada capítulo o ritmo narrativo ata o final no que, como un trebón, dun refacho de vento, tira todas as pezas da novela, e deixa ao lector ante o baleiro do final aberto, da vida. Porque a boa literatura ten que parecerse a vida, ás reais, ou ás soñadas. Novela das que fai literatura. Das necesarias que unha tradición literaria se modernice, madure. Rara avis na nosa literatura desafortunadamente, apunta camiños da experimentación que deben ser coñecidos e esnaquizados polos novos creadores e creadoras. Outro xeito de facer país, outro xeito de facer cultura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email